Estás en:Lingua Recursos para o galego

Recursos para o galego

A lingua galega precisa desenvolver recursos e ferramentas no ámbito das novas tecnoloxías que faciliten o seu uso. Este proceso de adaptación e modernización supón un reto pero tamén unha oportunidade para aumentar os espazos en que se emprega a lingua.

Esta selección de recursos pretende facilitar o traballo de busca e filtrado daquelas ferramentas ás que se pode acceder a través da rede.

Nun primeiro apartado recóllense varios correctores ortográficos do galego. Achégase o corrector Ortogal do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo de consulta en rede. Tamén se indican os enderezos para descargar os correctores ortográficos para editores de texto (Word e OpenOffice.org). Para o editor de texto OpenOffice.org tamén podemos descargar desde a páxina de Mancomun.org o corrector gramatical Golfiño que amplía as funcionalidades de corrección de texto ao detectar erros de sintaxe, estilo e concordancia.

Nun segundo apartado preséntase unha selección de dicionarios e vocabularios. Dividiuse este apartado en dúas seccións: Dicionarios e vocabularios xerais e Dicionarios e vocabularios temáticos. Baixo o termo xerais recóllense aqueles dicionarios ou vocabularios de léxico xeral do galego. Baixo o termo temáticos téntase ofrecer unha información ordenada de dicionarios e vocabularios de léxico específico de varias áreas temáticas.

Cómpre clarificar que non se partiu dun criterio formal na ordenación dos dicionarios, vocabularios, léxicos ou corpus xa que faría confuso o seu manexo. Por tanto, pódense atopar tres tipos de recursos: uns ofrecen definicións léxicas de cada termo, outros ofrecen equivalencias noutras linguas e outros presentan os termos procurados en exemplos de uso. Porén, aínda que estas características se describen en cada unha das ligazóns na estrutura de presentación, optouse pola organización temática por ser máis operativa.

Nun terceiro apartado achégase unha serie de enderezos de referencia na aprendizaxe da lingua. Na primeira sección recóllense gramáticas e manuais dispoñibles na rede, son de utilidade para resolver as dúbidas puntuais que poden xurdir no uso da lingua. Na segunda sección indícanse algúns enderezos de interese para a aprendizaxe do galego a través da rede.

Nun cuarto apartado móstranse algúns dos tradutores de galego que existen na rede. Estas ferramentas ofrecen un servizo de tradución bidireccional de textos do galego a outras linguas de maneira gratuíta. Tamén existe a posibilidade de traducir páxinas web.

No tradutor automático OpenTrad podemos introducir os nosos propios documentos nos formatos .txt, .html ou .rtf a través dun menú.

Mais en xeral, e para todos os tradutores, debemos ter en conta que a tradución de textos de maneira automática esixe sempre unha revisión posterior xa que estas ferramentas non diferencian contextos.
Por último, no apartado de Linguateca recóllense ligazóns con temáticas relacionadas coa lingua galega. Este apartado divídese en catro seccións: Toponimia e antroponimia, Lexislación, Lingua e TIC e Multilingüismo.

Na primeira sección, Toponimia e antroponimia, podemos procurar información sobre os nomes e os apelidos en galego así como coñecer os topónimos oficiais de concellos, parroquias e lugares.
Na sección de lexislación podemos resolver dúbidas sobre os dereitos e obrigas en torno á lingua.
Introduciuse neste apartado a sección Lingua e TIC para facilitar a busca de programas informáticos en galego e información sobre as aplicacións de que dispoñemos.

Na sección Multilingüismo recóllense algúns enderezos básicos para aproximármonos a conceptos como diversidade lingüística e cultural, identidade, lingua e valores.
Para rematar un apartado de sociolingüística no que teñen cabida manuais ben interesantes sobre este tema.