Estás en:Cultura Programación propia

Programación propia

A acción cultural da Deputación da Coruña desenvólvese fundamentalmente a través de liñas que buscan favorecer os proxectos e iniciativas dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro, e por tanto non se centra no desenvolvemento de programación propia. Con todo, no calendario cultural do ano desde a área de Cultura poñemos en marcha propostas culturais propias vinculadas a datas de referencia (Día do Teatro, Festa da música) ou efemérides culturais.

Dia-Teatro_02.png

Invitado polo Instituto Internacional del Teatro en 1987, Antonio Gala describía o Teatro como un entroido que desenmascara, e un disfrace que revela. Para o escritor, esta arte -a máis colectiva e a máis participativa das artes- multiplicou o noso coñecemento de nós mesmos, seica a máis difícil e a máis longa e a máis frutífera tarefa.

O vindeiro mércores 27 de marzo todos os amantes do teatro celebramos o Día Mundial do Teatro. A Deputación Provincial desexa unirse un ano máis a esta celebración cunha programación especial en varios municipios da provincia.

A compañía Manekineko convídanos a compartir con María Costas, María de las Llanderas, Nacho Castaño e Fran Nogueira, catro persoas aparentemente moi diferentes, unha madrugada de karaoke. Dirixidos por Nerea Brey, con texto de Ernesto Is, escenografía e iluminación de Beatriz de Vega, e vestiario de Javier Lojo, en Cancións amarelas, flores tristes a música e o alcohol mestúranse cos medos e cos problemas que levan a eses personaxes a refuxiarse neste lugar, onde constrúen os seus propios paraísos artificiais.

Unha soprano (Esperanza Mara), un barítono (Jacobo Rubianes Castelo), e un músico en escena (o propio compositor, Iago Hermo) son os piares da ópera electrónica Papagena, producida por ButacaZero. Nacida a partir da figura da personaxe homónima da Frauta Máxicade Wolfgang Amadeus Mozart analiza e re-escribe esta personaxe dende unha mirada actual e en base a dun dos maiores procesos de avance político-social dos últimos tempos: a loita contra o sexismo.

As Alumnas, de Culturactiva producións, é un espectáculo dirixido por Fina Calleja, con texto de Paula Carballeira, e con Anabell Gago e Mónica Camaño no elenco. Dirixido a un público adulto, trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra.

Pechamos a celebración con Boa sorte, mala fama de Carmen Conde, un proxecto retrospectivo de Tarabela Creativa que culmina nesta traxicomedia na que se traza un paralelismo entre as anduriñas e os emigrantes galegos: elas, aves de bo agoiro pero tamén molestas para moita xente polo seu canto agudo e os seus excrementos; eles, presentes en cada continente pero co camiño de volta a casa na cabeza. Igual que as anduriñas, gañaron mala fama, aló onde foron buscar a boa sorte.

Citando de novo a Gala, alimentemos coa nosa presenza o sacro lume do teatro.

CARTEL_A3-Programacion-Dia-Teatro.jpg