Estás en:Cultura Programación propia

Programación propia

A acción cultural da Deputación da Coruña desenvólvese fundamentalmente a través de liñas que buscan favorecer os proxectos e iniciativas dos concellos e das entidades sen ánimo de lucro, e por tanto non se centra no desenvolvemento de programación propia. Con todo, no calendario cultural do ano desde a área de Cultura poñemos en marcha propostas culturais propias vinculadas a datas de referencia (Día do Teatro, Festa da música) ou efemérides culturais.

O domingo 8 de outubro inaugurouse no Teatro Colón da Coruña a programación cultural de outono de 2023 co espectáculo teatral "Eurovisión: o  fake show".

Esta iniciativa reúne doce propostas artísticas: catro escénicas, catro audiovisuais e catro proxectos musicais cos que imos percorrer a provincia ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro.

Nesta primeira proposta a comedia mesturase coa música. O estrañado Lino Braxe dá renda solta ao seu sentido do humor máis persoal. Un texto deseñado para tres actores amigos e colaboradores habituais: Xosé Bonome, Pedro Picos e Sabela Hermida.

Co texto doutro gran dramaturgo, Cándido Pazó, réndese homenaxe ao contador de contos, humorista e cantante Carlos Díaz "O Xestal" na obra "Apaga o candil", unha coprodución do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) e Contraproducións.

Tomando como punto de partida a investigación do antropólogo danés Gustav Henningsen na Terra de Ordes, material custodiado polo Museo do Pobo Galego, aAntena propón un "Relato para un incendio", con texto de Ernesto Is e dirección de Xosé Leis.

espectáculos.PNGA compañía Elefante Elegante achéganos "Alma de Tigre", unha ensoñación revelada a partir da historia real de tres irmáns. A memoria, os afectos, a herdanza e os conflictos familiares narrados a través da danza, do teatro físico e do movemento dos elementos da escenografía, que dan corpo á esta creación orixinal.

No apartado dos documentais ofrecemos unha escolma de traballos baseados na investigación e a recuperación da memoria individual, como no caso de "Cardoña, fotos a 7 pesetas" e "O médico dos pobres", e a memoria colectiva que nos trae a curtametraxe "Lavadoiro". Tamén abordaremos o presente amosando a aposta polo futuro do seu país duns cazadores de soños.

Carlos Lorenzo preséntanos o seu segundo traballo documental lembrando ao fotógrafo popular José Gestal García (1918-2003), coñecido como "Cardoña". Unha reflexión sobre o papel que xogaba a fotografía na Galicia do seu tempo e a importancia que hoxe en día posúe esta como documento histórico e testemuñal.

A Asociación A Memoria é náufraga é a impulsora do documental dirixido por Federico A. Rioboo "O médico dos pobres": unha narración que enlaza a historia do médico rural, deputado provincial e alcalde do Incio Manuel Díaz coa creación dun espazo para a creación artística e o pensamento.

O proxecto Lavadoiro aborda o rol esencial destas construcións na vida das mulleres como lugares de traballo doméstico e tamén de socialización. A arquitecta e fotógrafa Ana Amado, xunto co cineasta galego Lois Patiño, deseñou unha intervención efémera, fotografada e gravada nesta peza audiovisual.

Finalmente con "Doxandéem: cazadores de soños" o seu director, o artista senegalés Alibeta (Saliou Waa Guendoum SARR) convídanos a acompañar a Mamadou e a súa muller Laura a unha viaxe de reencontro e, sobre todo, de mirar ao futuro cun espírito renovado e transformador.

A música virá da man de Verónica Codesal co seu novo traballo "100 Voltas": un repertorio que mistura a herdanza musical e os elementos contemporáneos, con textos tradicionais, propios e tamén de voces galegas actuais como Lucia Aldao, Yolanda Castaño, Rosalia Fernández Rial, Brais Fernandes...

A Orquestra Gaos presenta "Galicia nas veas" no seu 15 aniversario unha selección de cancións galegas de sempre orquestradas por Juan Durán e interpretadas pola soprano Vanessa Goikoetxea e o a barítono Borja Quiza (Lela, Negra sombra, Lonxe da terriña, Rosa de abril...) E a unha cantata escrita para a celebrar o cambio de milenio sobre textos de Miguel Anxo Fernán-Vello.

Tras o seu recente 27 aniversario, a Orquestra de Cámara Galega convídanos a deixarnos levar pola maxia da música nun concerto único onde a obra de Rogelio Groba, o decano da composición en Galicia, cobra vida. Desde as súas composicións ata as de autores universais e talentos pouco coñecidos de todo o mundo, a OCG ofrece unha experiencia musical enriquecedora e para todos os públicos.

Por último, os cuartetos de Haydn, as músicas tradicionais das danzas de Reis e o xenio de Suso de Toro son os ingredientes para a proposta de Fisión Atlántica Ensemble que continúa co seu obxectivo de presentar traballos baseados na maridaxe da música e a literatura tras o éxito de experiencias como Mozart á galega.