De acordo co criterio do Comité de Axuda ao Desenvolvemento (CAD) da ONU, a Axuda Oficial ao Desenvolvemento comprende os fluxos de recursos dirixidos a países e territorios que figuran na lista de países receptores do CAD e a institucións multilaterais de desenvolvemento con destino a receptores desa mesma lista de países. O obxectivo principal é o de promover o desenvolvemento e o benestar económico dos países en desenvolvemento.

A Lei 1/2023, do 20 de febreiro, recoñece o papel das entidades locais na cooperación para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global, destacando a súa capacidade para formar alianzas e mobilizar recursos e coñecemento experto. Os actores estatais promoverán a cooperación das entidades locais e facilitarán os trámites burocráticos. Esta cooperación pode realizarse a través de fondos municipais ou doutras entidades.

Segundo o establecido na dita lei, a planificación estratéxica articúlase a través, entre outros, do Plan Director da política de cooperación para o desenvolvemento sostible. Este Plan Director establecerá a política de cooperación para o desenvolvemento sostible no marco das respectivas competencias de cada administración.

En parecidos termos, exprésase a Lei galega 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento en Galicia e que tamén menciona ás entidades locais como importantes actores da cooperación galega, cuxa actuación deberá respectar os principios e criterios establecidos a través do Plan Director da cooperación galega para o desenvolvemento vixente.

Desde hai máis dunha década, a Deputación Provincial da Coruña apoia a cooperación galega, especialmente para proxectos de axuda ao desenvolvemento. Anualmente, concede subvencións para cofinanciar proxectos en distintas áreas de axuda ao desenvolvemento, nas súas distintas variantes (cooperación internacional, axuda humanitarias, sensibilización, educación para o desenvolvemento, ...) que se realicen por parte das entidades privadas sen ánimo de lucro que teñan a condición de beneficiarias de conformidade co establecido nas respectivas bases reguladoras. Os proxectos deben seguir as prioridades do "V Plan Director de Cooperación Galega (2023-2026)", que inclúe a erradicación da pobreza, a igualdade de xénero e a loita contra o cambio climático, así como as prioridades xeográficas, grupos prioritarios e ámbitos estratéxicos sinalados no citado plan.