Estás en:Novas

Cultura da Deputación achega en 2022 máis de 480.000 euros a 28 festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas promovidos por entidades

Entre os beneficiarios están o FIOT carballés, Festival Atlántica, Festival das linguas, Diversidarte, o Festival Internacional de Cinema Periférico da Coruña, o Feito á man de Compostela ou o Festival Irmandiño de Moeche

Esta achega súmase a outra de 549.993,17 euros coa que a institución provincial apoia 24 festivais das mesmas características organizados polos concellos

Cultura da Deputación achega en 2022 máis de 480.000 euros a 28 festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas promovidos por entidades

O departamento de Cultura da Deputación da Coruña, que xestiona o deputado Xurxo Couto, destina neste exercicio 483.370,29 euros para subvencionar 28 festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas promovidos por entidades sen fins de lucro de toda a provincia.

Esta achega súmase a outra de 549.993,17 euros coa que a Deputación contribúe a financiar 24 festivais das mesmas características organizados polos concellos, polo que o total do investimento nesta liña de axudas ascende a 1.033.363,46 € en 2022. En 2021, Cultura da Deputación subvencionou 56 festivais con 988.702 €: 514.425 € repartíronse entre 33 festivais de asociacións e 474.277 € entre 23 dos concellos.

Entre os beneficiarios da achega de Cultura da Deputación en 2022 están o FIOT carballés, Festival Atlántica, Festival das linguas, Diversidarte, o Festival de Cinema Periférico da Coruña, o Feito á man de Compostela ou o Festival Irmandiño de Moeche. A contía que recibirá cada un dos 28 festivais subvencionados —en función do orzamento presentado e o coeficiente de apoio que responde á criterios obxectivos— vai dos 5.000 aos 45.000 euros.

A resolución, a listaxe de beneficiarios das axudas e a cantidade que recibirá cada un están publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 23 de xuño, e tamén se poden consultar e descargar na seguinte ligazón: https://bit.ly/3nlkuVa

Páxinas suxeridas