Estás en:Novas

Turoperadores de Italia visitan o Camiño Inglés para coñecer esta ruta e poder ofrecer viaxes organizadas á súa clientela

A viaxe é consecuencia da presentación feita o pasado mes de maio en
Roma pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración
coa oficina de Turespaña en Roma e a Deputación da Coruña


A expedición foi recibida hoxe na Deputación da Coruña polo
vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado Antonio Leira

Turoperadores de Italia visitan o Camiño Inglés para coñecer esta ruta e poder ofrecer viaxes organizadas á súa clientela

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés organizou esta semana unha viaxe de familiarización con esta ruta xacobea para dous turoperadores italianos da Opera Romana Pellegrinaggi, Francesco Cocco e John D´Orazio, e o diácono Giancarlo Gandini, da diocese de Roma. Unha viaxe que é consecuencia directa da presentación realizada o pasado mes de maio no Centro Multimediale Interactivo de Roma e na que se contou coa colaboración da oficina de Turespaña en Roma e a Deputación da Coruña.

Precisamente hoxe, derradeiro día da visita, a expedición encabezada pola xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García, e a delegación italiana foron recibidos na Deputación da Coruña polo seu vicepresidente, Xosé Regueira, e polo deputado delegado de Economía, Facenda, Contas, Persoal e Réxime Interior da Deputación da Coruña, Antonio Leira.

Antonio Leira agradeceu a visita e salientou que "é un orgullo ver como o traballo de promoción e impulso do Camiño Inglés que estamos a facer fóra das nosas fronteiras coa Asociación de Concellos do Camiño Inglés está tendo os seus froitos, atraendo cada vez a un maior número de visitantes e continuar potenciando a ruta"

Importantes contactos

Cristina García explica que "esta viaxe é consecuencia directa da presentación do Camiño Inglés que fixemos en Roma o presidente da Asociación, Manuel Mirás, e eu mesma diante de operadores turísticos e axencias de viaxe italianas. Así, parte da delegación está composta por dous turoperadores que quixeron coñecer sobre o terreo os atractivos que pode ofrecer o Camiño Inglés aos seus clientes; mentres que o diácono veu preparar a peregrinación que farán a finais de xullo polo Camiño Inglés para participar na Peregrinación Europea de Xóvenes 2022".

Neste sentido, a xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés destacou a presencia de Francesco Cocco e John D´Orazio, da Opera Romana Pellegrinaggi, unha empresa que leva máis de 80 anos organizando viaxes de peregrinos a Compostela. "Ata o de agora, a súa principal liña de negocio son as peregrinacións polo Camiño Francés xa que descoñecían por completo o Camiño Inglés, pero quedaron moi satisfeitos do que lles amosamos, algo que lle temos que agradecer ao persoal da oficina de Turespaña en Roma", apunta Cristina García.

Durante esta semana, a expedición percorreu o Camiño Inglés, facendo paradas en Ferrol, Pontedeume, Betanzos, Poulo (Ordes), Oroso, Santiago e A Coruña. "Queremos destacar e agradecer a colaboración de todas as persoas, tanto técnicos como representantes políticos, dos Concellos que forman parte da Asociación, establecementos da Rede Stelar así como dos párrocos das distintas igrexas do Camiño, pois a súa excepcional acollida fixo que levasen a mellor das impresións do Camiño Inglés". Compre lembrar que o Camiño Inglés é especialmente atractivo para o turista italiano, que valora que se poida facer só en cinco días, que non presente ningunha dificultade especial a nivel físico e que combine traxectos polo interior con paseos a carón do mar.

Dende a Asociación de Concellos do Camiño Inglés lembran que esta ruta xacobea conta con boas infraestruturas: 23.473 prazas de aloxamento, 1.835 establecementos de restauración, axencias de viaxes de receptivo, transporte de mochilas, actividades de ocio, gastronómicas e culturais que permiten que turoperadores como Opera Romana Pellegrinaggi poidan ofrecerlles aos seus clientes viaxes a medida, respondendo ás súas necesidades en canto a tipo de aloxamento, traslado de equipaxe, número de etapas, etc.