Estás en:Novas

A Deputación entrega un novo vehículo adaptado a Aspaber que permitirá dar servizo a usuarios de vinte concellos da comarca de Bergantiños

Formoso lembrou as convocatorias de axudas para as entidades sociais e as ferramentas que o organismo provincial pon a súa disposición

O novo medio de trasporte adaptado permitirá á entidade social dar servizo a máis de 120 usuarios que dependen deste trasporte para acceder aos servizos que presta a entidade social.

Con 18 prazas, é o vehículo con maior capacidade entregado ata o momento pola Deputación

A Deputación entrega un novo vehículo adaptado a Aspaber que permitirá dar servizo a usuarios de vinte concellos da comarca de Bergantiños

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado do vicepresidente, Xosé Regueira,  da deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, entregou hoxe un vehículo adaptado á Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber). O novo medio de trasporte adaptado permitirá á entidade social dar servizo a 20 concellos da comarca de Bergantiños e a uns 120 usuarios que dependen deste trasporte para acceder aos servizos que presta a entidade social.

Segundo o presidente da Deputación, a entrega deste vehículo forma parte do esforzo que fai a institución, aínda non tendo competencias na protección social, na prestación de medios ás entidades sociais da provincia para seguir desempeñando o seu importante labor. "Apoiamos as entidades e  protexémolas desde hai moitos anos nunha multitude de accións coas convocatorias de axudas ás entidades sociais, que fan un labor inconmensurable polas persoas con maiores dificultades e facilitamos os recursos e medios para mellorar os seus servizos. Aspaber realiza un traballo impagable na comarca de Bergatiños e tiñan a necesidade de mellorar o seu transporte adaptado, por iso lles entregamos esta ferramenta tan importante para o seu cometido", afirmou.

Pola súa banda, a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, agradeceu o traballo de Aspaber e apuntou que a Deputación "é consciente dos problemas de transporte das entidades sociais, moi importantes e recorrentes e por iso sacamos estas liñas que ao final repercuten no benestar dos cidadáns da nosa provincia, neste caso en case unha vintena de concellos da contorna".

A directora de Aspaber, Dolores Fernández García, agradeceu á Deputación a entrega do vehículo, xa que o transporte dos usuarios e usuarias do centro é "un dos nosos principais cabalos de batalla diarios".

"Sen este recurso os nosos usuarios non poderían acceder a nosa atención", afirmou a responsable do centro, que agradeceu a colaboración da Deputación para renovar o anterior vehículo, con máis de 20 anos de servizo.