Estás en:Novas

Cultura da Deputación e ANEDIA presentan o novo Caderno de Actividades de “Amigas e amigos con diabetes”

Trátase dun recurso educativo e inclusivo para achegar a diabetes tipo 1 á infancia que se puxo en marcha grazas ao apoio da Deputación; un novo material didáctico que acompaña o libro ilustrado elaborado xunto á coñecida familia Os Bolechas

"A cultura ten tamén un importante papel socioeducativo, pois é motor de transformación social, sinónimo de inclusión e diversidade. Por iso non dubidamos en apoiar esta iniciativa que, a través da recoñecida figura dos Bolechas, pretende achegar un tema tan relevante como a diabetes á infancia, para combater o seu descoñecemento e os prexuízos entre o público máis novo" sinalou a deputada de cultura, Natividade González

Cultura da Deputación e ANEDIA presentan o novo Caderno de Actividades de “Amigas e amigos con diabetes”

A área de Cultura da Deputación e a Asociación ANEDIA presentan o Caderno de Actividades de "Amigas e amigos con diabetes", un novo material didáctico que acompaña o libro ilustrado elaborado xunto á coñecida familia Os Bolechas, co obxectivo de apostar pola educación e a inclusión. Esta publicación estará dispoñible para a súa distribución en centros educativos e tamén se pode descargar libremente desde a web de ANEDIA e Os Bolechas.

Dirixido ao público infantil, este caderno propón actividades lúdicas e educativas para comprender a diabetes tipo 1: desde o funcionamento do páncreas e o papel da insulina, ata a alimentación equilibrada, a tecnoloxía asociada á enfermidade (como sensores e bombas), e o recoñecemento dos seus principais síntomas. Todo iso cun enfoque visual, positivo e integrador.

O recurso está dispoñible en formato dixital e en papel, grazas á colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña. Este caderno intégrase no programa "Coa diabetes na mochila", promovido por ANEDIA, que leva anos desenvolvendo accións de sensibilización e formación en centros educativos e culturais de Galicia. A través deste tipo de materiais, ANEDIA busca favorecer unha comprensión temperá da enfermidade e combater estigmas e medos desde a infancia.

"Coñecer, comprender e compartir: ese é o obxectivo. Este caderno permite que nenas e nenos, tanto con diabetes como sen ela, aprendan de forma divertida e inclusiva o que significa convivir coa enfermidade e como podemos apoiar desde o entorno escolar e familiar", destacan desde ANEDIA.

"A cultura ten tamén un importante papel socioeducativo, pois é motor de transformación social, sinónimo de inclusión e diversidade. Por iso non dubidamos en apoiar esta iniciativa que, a través da recoñecida figura dos Bolechas, pretende achegar un tema tan relevante como a diabetes á infancia, para combater o seu descoñecemento e os prexuízos entre o público máis novo" sinalou a deputada de cultura, Natividade González.