Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destaca o valor histórico, cultural e social da Semana Santa de Ferrol na presentación do cartel de 2026

A Deputación da Coruña destaca o valor histórico, cultural e social da Semana Santa de Ferrol na presentación do cartel de 2026

A deputada provincial Rosa Ana García participou esta tarde no Concello de Ferrol no acto oficial de presentación do cartel da Semana Santa de Ferrol 2026, unha das celebracións relixiosas máis destacadas de Galicia e recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional e Internacional.

O acto contou tamén coa presenza do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e do presidente da Xunta Xeral das Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol, Fernando Iguacel, así como de representantes das confrarías, autoridades e público asistente.

Durante a súa intervención, Rosa Ana García subliñou que a Semana Santa ferrolá é "unha tradición viva con máis de catro séculos de historia, profundamente ligada á identidade social e cultural da cidade, e transmitida de xeración en xeración".

A deputada puxo en valor o papel fundamental das cinco irmandades que dan vida á Semana Santa de Ferrol —Angustias, Dolores, Mercé, Santo Enterro e Soidade—, destacando non só o seu labor na conservación do patrimonio artístico e relixioso, senón tamén o seu compromiso social que manteñen ao longo de todo o ano, especialmente coa atención ás persoas que máis o precisan.

Rosa Ana García salientou tamén o impacto positivo que esta celebración ten para Ferrol e para toda a comarca, tanto desde o punto de vista cultural e social como económico, ao atraer cada ano milleiros de visitantes e proxectar a imaxe da cidade e de Galicia a nivel nacional e internacional.

Neste contexto, lembrou a colaboración continuada da Deputación da Coruña coa Semana Santa de Ferrol, apoiando, entre outras accións, a impresión do cartel e dos programas oficiais, como mostra do compromiso da institución provincial coa difusión e posta en valor dunha tradición que forma parte do patrimonio inmaterial da provincia.

A deputada reiterou a vontade da Deputación da Coruña de seguir traballando da man das confrarías e da cidade de Ferrol, apoiando unha celebración que combina fe, cultura e historia e que constitúe un motivo de orgullo para a provincia.