Estás en:Novas

A Deputación da Coruña alíase co CITIC da UDC para levar a intelixencia artificial xenerativa a 20 institutos da provincia

A iniciativa busca formar á mocidade no uso de aplicacións como ChatGPT ou Gemini e reflexionar sobre os retos e oportunidades que presenta a IA e seu uso ético, seguro e responsable

A Deputación da Coruña alíase co CITIC da UDC para levar a intelixencia artificial xenerativa a 20 institutos da provincia

A Deputación da Coruña, en colaboración co CITIC – Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, impulsa un programa educativo pioneiro sobre intelixencia artificial xenerativa dirixido ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato en 20 centros educativos da provincia.

A iniciativa ten como obxectivo achegar coñecementos básicos e competencias clave sobre unha das tecnoloxías máis transformadoras da actualidade, combinando contidos teóricos cun enfoque eminentemente práctico. As sesións desenvólvense en aulas con ordenador e permiten ao alumnado comprender o funcionamento da IA xenerativa, coñecer aplicacións actuais como ChatGPT, Gemini ou HuggingChat, e reflexionar sobre o seu uso ético, seguro e responsable.

O programa aborda tamén o potencial da IA na creación de contidos dixitais —imaxe, audio e vídeo— e analiza os retos e oportunidades que estas ferramentas presentan nos ámbitos educativo, social e profesional.

A deputada de Educación, Yoya Neira, destacou que "a intelixencia artificial xa forma parte da realidade cotiá da nosa mocidade, polo que é fundamental que desde as institucións públicas promovamos unha formación crítica, rigorosa e adaptada aos novos tempos". Neira subliñou que "non se trata só de aprender a usar ferramentas, senón de entender como funcionan, que implicacións teñen e como empregalas con responsabilidade ".

A deputada incidiu ademais en que "este programa contribúe a democratizar o acceso ao coñecemento tecnolóxico, garantindo que o alumnado, viva onde viva, teña as mesmas oportunidades para formarse en competencias dixitais avanzadas e reducir así a fenda dixital".

Dúas sesións por centro e ampla cobertura territorial

O programa estrutúrase en dúas sesións formativas por centro, cunha duración de dúas horas cada unha. As actividades comezaron o pasado 9 de febreiro no IES Agra do Orzán (A Coruña) e estenderanse durante os meses de febreiro, marzo e abril en centros urbanos e rurais da provincia.

As sesións desenvolveranse nos seguintes centros:

Febreiro

IES Agra do Orzán (A Coruña): 9 e 23 febreiro

IES Ferrol Vello (Ferrol): 11 e 25 febreiro

IES Ortigueira (Ortigueira): 20 e 27 febreiro

IES Isidro Parga Pondal (Carballo): 23 e 26 febreiro

IES As Insuas (Muros): 23 e 27 febreiro

IES Concepción Arenal (Ferrol): 24 febreiro e 3 marzo

IES Fene (Fene): 24 febreiro e 3 marzo

Marzo

IES Elviña (A Coruña): 3 e 4 marzo

IES Praia Barraña (Boiro): 4 e 13 marzo

IES Terra de Soneira (Vimianzo): 27 febreiro e 6 marzo

IES Sar (Santiago de Compostela): 5 e 19 marzo

IES Blanco Amor (Culleredo): 18 e 25 marzo

IES Eduardo Pondal (Ponteceso): 23 e 25 marzo

IES Mariñas (Betanzos): 24 e 27 marzo

Abril

IES Número 1 de Ribeira (Ribeira): 7 e 10 abril

IES Manuel Murguía (Arteixo): 7 e 14 abril

IES Xulián Magariños (Negreira): 15 e 17 abril

IES María Casares (Oleiros): 15 e 17 abril

IES Cabo Ortegal (Cariño): 20 e 27 abril