Estás en:Novas

A Deputación afonda esta semana na escena musical alternativa cunhas xornadas monográficas na Coruña

A Área de Cultura organiza os días 17 e 18 de abril a xornada 'Radiografía da escena musical alternativa' dentro do ciclo 'A Cultura é un Dereito'

Esta actividade terá lugar en Studio Follow e é de acceso libre, pero cómpre inscribirse antes do xoves

A Deputación afonda esta semana na escena musical alternativa cunhas xornadas monográficas na Coruña

A Deputación da Coruña organiza os vindeiros 17 e 18 de abril en Studio Follow, na Coruña (Rúa Gambrinus, n.º 43, A3), a xornada 'Radiografía da escena musical alternativa', unha nova cita do programa 'A Cultura é un Dereito', o ciclo de encontros impulsado pola institución provincial para promover a reflexión e o debate ao redor da creación e das industrias culturais contemporáneas.

Nesta ocasión, a proposta estará centrada na análise da escena musical alternativa actual e na reflexión respecto dos seus retos, dinámicas e espazos de desenvolvemento. A través de mesas redondas, showcases, presentacións e actuacións en directo, a actividade abordará cuestións como a definición contemporánea da música alternativa, a sustentabilidade do sector, os espazos culturais autoxestionados, os selos discográficos independentes, os microfestivais ou os modelos de programación alternativos.

A deputada de Cultura, Natividade González, subliña que esta nova edición das xornadas responde á vontade da Deputación de «seguir ampliando os espazos de reflexión ao redor da cultura desde unha perspectiva aberta e conectada co presente». Neste sentido, sinala que «é unha responsabilidade pública, é un dereito, e por iso debe atender tamén as novas realidades creativas e os espazos onde se constrúe».

González engade que iniciativas como esta permiten «xerarmos pensamento compartido sobre os procesos culturais que están a transformar a sociedade», ao tempo que contribúen a «recoñecer e facer visíbeis» ámbitos fundamentais da creación actual, como é o caso da música alternativa e independente.

A coordinadora das xornadas, Carolina Martínez, explica que o encontro nace coa vontade de «xerar un lugar de encontro dentro da industria musical alternativa onde se poidan xerar sinerxias». Ademais, explica que a iniciativa pretende tamén «servir de escaparate onde poñer de manifesto as problemáticas actuais e tentando entre todos atopar a folla de ruta a seguir».

Pola súa banda, o responsábel técnico das xornadas, Míchel Valiña, destaca que «para nós é fundamental darlles visibilidade a esas outras escenas, que van alén da copia da copia».

Programa das xornadas

A inauguración terá lugar o venres 17 de abril ás 17:30 horas coa benvida de Miguel Valiña, Carolina Martínez, coordinadora das xornadas, e unha persoa representante da Deputación da Coruña. A continuación desenvolveranse dúas mesas redondas: 'Qué é a música alternativa nos nosos días? Existe a clase media na música?' e 'Ecosistema cultural e resistencia. Salas e Centros Autoxestionados'. A xornada completarase coa actuación de Juan dentro do formato AV LIVE.

O sábado 18 de abril o programa retomarase ás 12:00 horas coa mesa redonda 'Nadar contracorrente. Programando contra tiburóns' e continuará con showcases de David L.H. e French Riviera. Xa en horario de tarde celebrarase a mesa redonda 'Selos discográficos independentes: Romanticismo, resistencia e futuro', a presentación 'Microfestivais', a cargo de Nando Cruz, e a mesa 'Os outros festivais. Personalidade e clase'. A programación concluirá co concerto de Pladür e o acto de peche a cargo de Miguel Valiña e Carolina Martínez.

A inscrición para participar nesta actividade permanecerá aberta ata o xoves 16 de abril ás 23:59 horas.

Podes consultar aquí o programa completo das xornadas e acceder ao formulario de inscrición.