A Deputación apoiou con 33.200 euros o equipamento do centro de día de ASPABER en Carballo
Valentín González Formoso participou na inauguración das renovadas instalacións da entidade, que este ano celebra o seu 50 aniversario
A actuación permite mellorar os servizos de cociña, comedor, administración e atención ás persoas usuarias
O renovado centro de día ten unha capacidade para 35 persoas.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe en Carballo na inauguración das instalacións reformadas do centro de día de ASPABER, unha das entidades sociais de referencia na comarca de Bergantiños na atención ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias.
No acto participaron tamén a conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García; o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; e a directora de ASPABER, Dolores Fernández.
A Deputación financiou con 33.200 euros as obras de reforma e equipamento do centro, a través das súas liñas de subvencións destinadas a entidades sociais. A actuación permitiu dotar o novo espazo de mobiliario, equipamento para a cociña e o comedor, material adaptado e elementos necesarios para mellorar a atención diaria ás persoas usuarias.
As obras forman parte do proceso de ampliación do centro de día de ASPABER, dando resposta á elevada demanda e prazas existente e á lista de espera da entidade. A intervención incluíu tamén a mellora dos servizos de cociña, comedor e administración, co obxectivo de ofrecer instalacións máis amplas, funcionais e adaptadas ás necesidades das persoas usuarias.
Durante o acto, Formoso destacou que "ASPABER leva 50 anos demostrando que a inclusión é algo que se constrúe todos os días coa axuda dos profesionais e as familias e con compromiso e recursos por parte das administracións".
"Para a Deputación é un orgullo estar ao lado de entidades como ASPABER, porque fan un traballo imprescindible para que ningunha persoa quede atrás e para que as familias teñan apoio, acompañamento e respostas preto da casa", afirmou Formoso.
Formoso felicitou á asociación, ás familias e aos profesionais de ASPABER por facer esta entidade "unha casa aberta, útil e necesaria para Carballo e para toda a comarca".
O proxecto financiado pola Deputación permitiu adquirir equipamento para diferentes espazos do centro, como taquillas, mesas, cadeiras, armarios, mobiliario de despacho, bancos de vestiario, cociña, lavalouzas, campá extractora, mesas de traballo, cámaras frigoríficas, cadeiras de ducha, butacas, sillóns adaptados, báscula, grúa de bipedestación, estores e outros elementos necesarios para o funcionamento diario das instalacións.
A ampliación e equipamento do centro permitirá reforzar unha atención orientada á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, incidindo no seu benestar físico, emocional e material, na autonomía persoal, na inclusión social, nas relacións interpersoais e no exercicio dos seus dereitos. O centro conta tamén con servizos como logopedia e fisioterapia para as persoas usuarias que o precisen.
ASPABER, con sede na Brea, en Carballo, celebra este ano o seu 50 aniversario, medio século de traxectoria ao servizo das persoas con discapacidade intelectual da comarca de Bergantiños. A inauguración das novas instalacións enmárcase nos actos conmemorativos desta efeméride e supón un novo paso na mellora dos recursos da entidade.
Pola súa banda, Dolores Fernández, incidiu no "especial" da ampliación do centro de día. Fixo fincapé na vontade da entidade que representa en "seguir atendendo, de forma próxima e humana ás persoas usuarias". Lembrou que ASPABER atende hoxe a 120 persoas e emprega a outras 76, volvendo agradecer a persoas, empresas e administracións implicadas en "mellorar a atención que lle damos cada día ás persoas usuarias".
"Este novo centro contará cunha capacidade para atender 25 persoas, priorizando o seu benestar e unha atención próxima e humana", rematou a presidenta de ASPABER.
