Estás en:Novas

A Deputación da Coruña presenta unha cartografía das iniciativas culturais con impacto social da provincia

'Cultura coas persoas no centro' é a terceira obra publicada pola institución seguindo a liña de traballo 'A cultura é un dereito'

Neste libro «atopamos experiencias que nos din algo moi claro: outra maneira de facer é posíbel. Máis humana, máis democrática, máis arraigada, subliñou a deputada de Cultura, Natividade González

A Deputación da Coruña presenta unha cartografía das iniciativas culturais con impacto social da provincia

A Deputación da Coruña presentou esta mañá o libro Cultura coas persoas no centro, unha publicación impulsada pola Área de Cultura que ofrece un mapeamento de iniciativas culturais da provincia con impacto social e comunitario, ao tempo que reivindica a cultura como un dereito e como unha ferramenta de transformación social. Na presentación participaron a deputada de Cultura, Natividade González, e os responsábeis do volume, Alberto de Boiro —coordinador— e Sergio Lago —editor de contidos.

Durante a súa intervención, Natividade González definiu o libro como «unha cartografía dese país cultural que ás veces non ocupa titulares, pero sostén moitísimo. Un país feito de proxectos comunitarios, de espazos compartidos e, sobre todo, de compromiso colectivo».

A deputada destacou tamén o carácter esperanzador da publicación: «fronte ao discurso da resignación e mesmo da impotencia, aquí atopamos experiencias que nos din algo moi claro: outra maneira de facer é posíbel. Máis humana, máis democrática, máis arraigada, máis útil para a vida».

González agradeceu o traballo realizado polos autores do volume e sinalou que «detrás deste libro hai reflexión, pero sobre todo moitísima escoita». Rematou a súa intervención cunha reflexión sobre o enfoque da publicación: «Poñer as persoas no centro non é un lema, é unha decisión».

Seis anos reivindicando a cultura como un dereito

O coordinador do libro, Alberto de Boiro, subliñou que a Deputación da Coruña leva «seis anos traballando e reivindicando os dereitos culturais» e destacou que a institución provincial «foi vangarda ao falar disto desde un país pequeno e desde unha administración coma esta». Tamén puxo en valor a produción bibliográfica da Área de Cultura neste ámbito, xa que este é o terceiro volume publicado arredor do eixo A cultura é un dereito, tras Manual para políticas culturais locais, editado este mesmo ano, e A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura, publicado en 2023.

Pola súa banda, Sergio Lago destacou que «somos moitas as persoas na cultura que cremos no impacto social do traballo que se fai desde as políticas culturais». Segundo explicou, a publicación «procura chegar a esa idea desde varias capas» e quere visibilizar que «xa hai moitas persoas a traballar nisto ao longo da provincia, en moitos lugares e desde moitas disciplinas».

Lago explicou ademais que «este libro achega un mapa das iniciativas que hai na provincia» e incorpora tamén «unha capa sobre o impacto social da cultura, para quen queira afondar máis grazas a este libro, a modo de guía práctica».

A publicación recolle unha investigación promovida pola Área de Cultura entre 2024 e 2025 para identificar e analizar proxectos culturais con enfoque social e comunitario desenvolvidos na provincia da Coruña. O volume aborda cuestións como os dereitos culturais, o valor social da cultura, a relación entre cultura e benestar ou o papel das políticas públicas culturais na construción de comunidade.