Estás en:Novas

A Deputación destaca en Mariñán o papel dos equipos directivos na mellora do ensino público

A deputada de Educación, Yoya Neira, participou na inauguración das XXIII Xornadas de Equipos Directivos de Educación


O encontro reúne no Pazo de Mariñán a responsables de centros públicos para abordar cuestións clave da xestión educativa, a convivencia escolar e a prevención do acoso

A Deputación destaca en Mariñán o papel dos equipos directivos na mellora do ensino público

A deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, participou hoxe no Pazo de Mariñán na inauguración das XXIII Xornadas de Equipos Directivos de Educación ESO, Infantil e Primaria, organizadas pola Asociación de Directores de Colexios Públicos da Coruña coa colaboración da Deputación da Coruña.

A cita, que se desenvolve durante as xornadas de hoxe e mañá, reúne a responsables de centros públicos da provincia nun espazo de formación, análise e intercambio de experiencias sobre algúns dos principais retos da dirección escolar.

Durante a inauguración, Yoya Neira subliñou o papel dos equipos directivos no funcionamento diario dos centros e na calidade do ensino público. A deputada destacou que a súa tarefa resulta decisiva para coordinar o traballo educativo, dar resposta ás necesidades da comunidade escolar e garantir que os centros conten cunha organización eficaz.

A deputada incidiu tamén na importancia de celebrar estas xornadas no Pazo de Mariñán, "un espazo da Deputación aberto á reflexión e ao encontro en numerosos ámbitos da arte, a cultura, a educación e o coñecemento". Neste sentido, agradeceu o traballo da Asociación de Directores de Colexios Públicos da Coruña e puxo en valor a continuidade dunhas xornadas que chegan xa á súa vixésimo terceira edición.

O programa inclúe relatorios e grupos de traballo sobre normativa financeira, licenzas e permisos, convivencia, protocolos de violencia e acoso no ámbito educativo ou expedientes disciplinarios.

Entre os relatores figuran Francisco Javier Baltasar Fernández, subdirector xeral de Coordinación Económica e Contratación da Xunta de Galicia; Concepción Aramburu Sánchez, inspectora da Consellería de Educación; Albert Reverter; e Rubén Ponte Justo, inspector xefe da Consellería de Educación.

As xornadas contan tamén coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello da Coruña, e consolídanse como un foro de referencia para os equipos directivos do ensino público da provincia.