A Deputación presenta o libro “A música dos desprazados”, que conta co apoio da área de cultura
Esta publicación revisa a historia da galeguidade a través do teatro e da música do século XVIII
A deputada de cultura, Natividade González, sinalou que "dende a Deputación seguimos comprometidos co apoio á creación, á investigación e á difusión do patrimonio cultural galego, porque coñecer mellor o noso pasado é tamén unha forma de construír o noso futuro"
O pazo da Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presentación de A música dos desprazados. Teatro lírico e galeguidade durante o longo século XVIII, unha obra do investigador Javier Gándara Feijóo publicada por aCentral Folque co apoio da área de cultura da Deputación da Coruña. No acto participaron, ademais do autor, a deputada de Cultura, Natividade González Rodríguez e o editor de aCentral Folque Ramon Pinheiro Almuinha.
"Este libro ofrece unha visión innovadora da nosa historia cultural", sinalou a deputada. "Descubrimos unha Galicia aberta ao mundo, conectada con amplas redes culturais da Península Ibérica e do Atlántico, e afastada dos tópicos dunha sociedade periférica", engadiu. González felicitou ao autor "polo rigor e a orixinalidade" e á editorial "pola súa aposta constante pola investigación e a divulgación da nosa cultura". "Dende a Deputación seguimos comprometidos co apoio á creación, á investigación e á difusión do patrimonio cultural galego, porque coñecer mellor o noso pasado é tamén unha forma de construír o noso futuro".
A música dos desprazados propón unha lectura innovadora da historia cultural galega a partir do estudo do teatro musical e das artes escénicas entre mediados do século XVIII e comezos do XIX. A obra parte de dúas hipóteses centrais: que moitos dos elementos que hoxe se consideran característicos da identidade galega foron configurados a través de representacións teatrais e musicais creadas hai máis de dous séculos e medio, frecuentemente fóra de Galicia; e que a colectividade galega e as persoas vinculadas á farándula compartiron experiencias históricas de mobilidade, emigración e desprazamento que contribuíron a modelar imaxinarios e formas de pertenza.
A través dun percorrido que oscila entre a realidade histórica e a ficción escénica do setecentos, o libro revela unha Galicia plural, urbana e rural ao mesmo tempo, intensamente conectada con outros territorios da Península Ibérica e do espazo atlántico. Fronte á imaxe dun país culturalmente periférico ou empobrecido, a investigación mostra a existencia dunha sociedade dinámica, integrada en amplas redes de intercambio artístico e intelectual.
O volume constitúe tamén unha achega relevante ao estudo das relacións entre cultura e identidade colectiva, ao analizar como a música, o teatro e os espectáculos públicos contribuíron á formación de determinados discursos sobre Galicia e os galegos, algúns dos cales continúan presentes no imaxinario contemporáneo.
Como valor engadido, a publicación incorpora a edición diplomática da Representación a San Roque, unha obra teatral do século XVIII que permanecía inédita ata o presente. O texto conserva extensas pasaxes en lingua galega nun período no que o seu uso público estaba fortemente limitado, converténdose nun documento de excepcional interese para a historia cultural e lingüística de Galicia.
