Estás en:Novas

A Deputación da Coruña colabora cunha nova edición da Tropa C, que achega a cultura ás familias con 27 propostas ata maio

A deputada de Cultura, Natividade González, participou esta mañá na presentación, onde destacou o valor da cultura como espazo de encontro e creación de experiencias compartidas desde a infancia

A programación inclúe 17 espectáculos no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal e dez actividades gratuítas na Casa das Máquinas

Teatro, circo, danza, monicreques, música, cinema, clown, acrobacias e xogos integran unha programación dirixida a públicos de todas as idades

A Deputación da Coruña colabora cunha nova edición da Tropa C, que achega a cultura ás familias con 27 propostas ata maio

A Deputación da Coruña colabora cunha nova edición da Tropa C, o programa de Compostela Cultura que achega as artes escénicas e a música á infancia, á mocidade e ás familias. A nova tempada 2026-2027 ofrecerá ata maio unha ampla programación nos principais espazos culturais de Santiago, con propostas para diferentes idades, desde a primeira infancia ata a adolescencia. A programación foi presentada hoxe pola deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López.

A nova edición da Tropa C reúne 17 propostas escénicas e musicais no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal, ás que se suman outras dez actividades de balde na Casa das Máquinas. Teatro, circo, danza, monicreques, música, clown, acrobacias, xogos e cinema conforman unha programación pensada para que nenas, nenos, mocidade e familias poidan achegarse á cultura desde diferentes linguaxes artísticas.

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, destacou durante a presentación a importancia de apoiar iniciativas que favorecen o acceso á cultura desde as primeiras idades e que, ao mesmo tempo, contribúen a crear espazos de encontro entre xeracións. «Hai algo especialmente bonito na cultura en familia: crea experiencias compartidas. Unha función non remata cando se apagan as luces; continúa despois na conversa, nas preguntas dos nenos e das nenas, no que lles sorprendeu, no que lembran e no que os fixo rir», sinalou Natividade González.

A responsable provincial de Cultura puxo en valor tamén a colaboración entre administracións para garantir que a programación cultural chegue a públicos diversos e para fortalecer a oferta cultural da provincia. «Desde a Deputación da Coruña entendemos a cultura como un dereito e tamén como unha ferramenta para construír comunidade. Apoiar programas como a Tropa C significa facilitar que a infancia e a mocidade teñan contacto coa creación artística, pero tamén que as familias poidan vivir xuntas experiencias culturais de calidade», afirmou.

Cultura para todas as idades
A nova tempada da Tropa C articúlase arredor de diferentes propostas que buscan acompañar as distintas etapas da infancia e da mocidade. A programación nos grandes escenarios combinará teatro, danza, circo, monicreques e música, mentres que a Casa das Máquinas volverá converterse nun espazo de acceso libre para xogar, participar e descubrir novas linguaxes artísticas.

Entre as propostas programadas destacan O bosque de Grimm, da Real Filharmonía de Galicia e La Maquiné; Farö e Reiniciar memoria, tamén vinculadas á RFG; así como diferentes espectáculos de circo contemporáneo como Tenet, de Eunoia Kolectiva; La Marquesina, de Truca Circus e La Grainerie; ou A Contratempo, de Pistacatro. A programación complétase con propostas como tÁ, de Escena Miriñaque; Triplette, de Labu & Cris Clown; Mini Break, de Brodas Bros; Mular (o la gran captura), de Cinc Cèntims Teatre; O libro da selva. O musical, de Ártika Cía.; Bosque, de Mamá Cabra; ou Elara, unha viaxe ás estrelas, de Mar-Mar Teatro.

A primeira infancia terá tamén un espazo específico na programación de maio con Marceline, de La Petita Malumaluga, para crianzas de 0 a 3 anos, e Únicos, de Date Danza, dirixida a público de entre 3 e 6 anos.

Pola súa banda, a Casa das Máquinas acollerá unha programación integramente gratuíta con propostas de circo, teatro de rúa e xogos tradicionais. Xogos Miudiño, SororAs, Xogos Vaidavai e Xotramu forman parte dunha axenda na que tamén estarán os equilibrios de Sue Moreno en 5.0, a comedia Os Senteito, de Caramuxo Teatro; as acrobacias de Marta Sempre Arriba en Hoxe si! e o humor circense de Crunch 2, de Muu.

A Tropa C incorpora ademais unha dimensión educativa a través do programa Tropa C no Ensino, que leva as artes e a cultura ás aulas, e de Tropa C co Apego, con propostas para medrar, aprender e compartir en galego desde os primeiros anos de vida.