Estás en:Novas

A Deputación colabora coa Mostra Internacional Mares da Fin do Mundo, que conxuga cinema e cultura mariñeira en Rianxo do 14 ao 18 de outubro

A deputada Sol Agra participou esta mañá na presentación, xunto á tenenta de alcalde, Ana Vidal Fungariño, e o presidente da Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, Marcos Gallego

A Deputación colabora coa Mostra Internacional Mares da Fin do Mundo, que conxuga cinema e cultura mariñeira en Rianxo do 14 ao 18 de outubro

Rianxo acolleu esta mañá a presentación da novena edición da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, nun acto no que participou a deputada provincial Sol Agra, xunto á tenenta de alcalde, Ana Vidal Fungariño, e o presidente da Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, Marcos Gallego. A mostra, organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración da Deputación da Coruña, desenvolverase entre os días 14 e 18 de outubro.

A deputada referiuse ao cinema documental como "unha ferramenta fundamental para denunciar, dar voz a realidades moitas veces invisibilizadas e xerar conciencia social". Así, "Mostras como Mares da Fin do Mundo demostran que a cultura tamén é unha forma de reivindicación e compromiso co noso territorio". Agra puxo en valor tamén o traballo da mostra "ao lle achegar á cidadanía a riqueza dos nosos mares e a importancia de protexer os ecosistemas mariños a través da cultura e do audiovisual". "Apoiar iniciativas como esta é apostar por unha cultura comprometida, capaz de interpelarnos como sociedade e de lembrarnos que a defensa do noso patrimonio natural e cultural é unha responsabilidade compartida", engadiu Agra.

A programación desta edición porá o foco na preservación das flotas de pesca artesanal e de baixura, como expresión da soberanía alimentaria, do patrimonio marítimo-pesqueiro e como sinal de identidade dos pobos costeiros. No apartado cinematográfico, MDFDM 2026 introduce algunhas novidades respecto da estrutura de proxeccións dos últimos anos, cun total de corenta filmes nacionais e internacionais repartidos nas distintas seccións e actividades.

As proxeccións terán lugar no Auditorio de Rianxo e complementaranse con actividades paralelas que se desenvolverán en diversas localizacións do municipio. Para asistir ás actividades da Mostra, ben sexan proxeccións ou actividades paralelas, será preciso facer a inscrición previa a través do sitio web da Mostra.

Competición Oficial
A IX Mostra Mares da Fin do Mundo volverá contar cunha competición oficial na que participarán dezaséis curtametraxes documentais procedentes de diferentes puntos do mundo. Mantéñense os dous premios da competición oficial, así como a súa dotación económica. Os galardóns son: o Premio do Público (trofeo "O Faro", con 1.000 € de dotación) e o Premio á Mellor Película da Competición Oficial (trofeo "O Faro", dotado con 2.000 €), este último outorgado por un xurado profesional. Dezaseis obras de diversas nacionalidades e múltiples linguas (con subtítulos en galego), que permitirán achegarlle á persoa espectadora a realidade de diversos territorios e comunidades costeiras da xeografía mundial a través da filosofía e compromiso da Mostra co medio mariño, co sector pesqueiro e a súa sustentabilidade dende diferentes puntos de vista: ecolóxico, social, cultural e poético.