Máis de 60 profesionais das bibliotecas da provincia participaron en Mariñán na II Xornada de Bibliotecas da Deputación
A intelixencia artificial, as novas tecnoloxías e a súa convivencia coa función social e dinamizadora das bibliotecas centraron esta segunda edición
Máis de 60 profesionais das bibliotecas da provincia da Coruña participaron o pasado venres, 13 de novembro, no Pazo de Mariñán na II Xornada de Bibliotecas da Provincia da Coruña, organizada pola Deputación baixo o lema Novas tecnoloxías nas bibliotecas: retos, riscos e oportunidades.
A deputada provincial de Cultura, Natividad González, foi a encargada de inaugurar un encontro concibido como un espazo de formación, reflexión, convivencia e intercambio de experiencias entre o persoal das bibliotecas da provincia.
Nesta segunda edición, a xornada puxo especialmente o foco na intelixencia artificial e nas posibilidades que ofrecen as novas ferramentas tecnolóxicas para o traballo bibliotecario, sen perder de vista o elemento humano que continúa no centro da actividade destes servizos públicos: a proximidade coas persoas usuarias, a creación de comunidade, a promoción da lectura e a capacidade das bibliotecas para adaptarse ás necesidades dos seus territorios.
A programación reuniu especialistas de diferentes ámbitos para abordar estes retos desde perspectivas complementarias e cunha orientación eminentemente práctica.
A primeira mesa, A IA e as súas posibilidades nas bibliotecas, contou coa participación de Enrique Calvo, xefe da División Xurídica, Relacións Institucionais e Asuntos Xerais da AESIA; David Vilares Calvo, profesor da Universidade da Coruña adscrito ao Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información; e Adina Vladu, investigadora e doutora en Lingüística no Instituto da Lingua Galega, en representación do Proxecto Nós. A conversa estivo moderada por Leticia Chas.
As redes sociais e o seu potencial como ferramenta para achegar as bibliotecas á cidadanía protagonizaron outra das sesións, coa participación das creadoras de contido Carlota Casal e Pardo Rúa. Pola súa banda, Manuel Gago, doutor en Ciencias da Información, abordou A IA nas bibliotecas rurais, trasladando o debate sobre a transformación tecnolóxica á realidade dos centros situados fóra dos grandes núcleos urbanos.
A xornada dedicou tamén un espazo aos servizos dixitais das bibliotecas. María Lema, responsable do servizo eBiblio da Biblioteca da Deputación Provincial, impartiu a sesión eBiblio, a biblioteca sen fronteiras, centrada nas posibilidades que ofrece esta ferramenta para ampliar o acceso á lectura e aos fondos bibliotecarios.
Xa pola tarde, Laura Castro Souto, vicerreitora de Estratexia Dixital da Universidade da Coruña, desenvolveu unha sesión de carácter práctico arredor das ferramentas de intelixencia artificial xerativa aplicadas ao traballo bibliotecario.
O factor humano pechou a programación coa mesa Dinamización literaria nas bibliotecas: a calor humana dos clubs de lectura. As escritoras Antía Yáñez e Marta Villar, ambas vinculadas á dinamización de clubs de lectura, reflexionaron sobre a capacidade destes espazos para favorecer o encontro, a conversa, a participación e a creación de comunidade arredor dos libros.
A II Xornada de Bibliotecas da Provincia da Coruña permitiu así abordar o futuro destes servizos públicos desde unha perspectiva ampla: desde a incorporación da intelixencia artificial e das novas ferramentas dixitais ata a importancia de preservar aquilo que converte as bibliotecas en espazos insubstituíbles de proximidade, acceso á cultura, convivencia e creación de comunidade.