Estás en:Novas

A Deputación participa dende hoxe en Culturgal cunha programación propia para visibilizar o talento cultural da provincia

A institución provincial participa desde hoxe na XIX Feira das Culturas Galegas, que se celebra en Pontevedra ata o domingo, con propostas musicais e literarias vinculadas aos seus premios e certames

A programación inclúe actuacións de Raposa e dos proxectos gañadores de Quero Cantar, así como encontros arredor dos premios Castelao e Raíña Lupa

A Deputación participa dende hoxe en Culturgal cunha programación propia para visibilizar o talento cultural da provincia

A Deputación da Coruña participa desde hoxe nunha nova edición de Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que celebra a súa XIX edición no Pazo da Cultura de Pontevedra ata o domingo 29 de novembro. A institución provincial conta cunha programación propia que reúne propostas musicais e literarias coas que busca dar visibilidade ao talento creativo da provincia e achegar ao público o traballo das persoas gañadoras dos seus premios e certames culturais.

A Deputación reforza así a súa presenza nun dos principais encontros da cultura galega, que nesta edición reúne máis de 800 artistas e creadores de todas as disciplinas, con arredor de 200 espectáculos e actividades para todos os públicos. A participación provincial súmase, ademais, ao apoio que a institución presta á celebración da feira.

A programación da Deputación

A programación da Deputación comezará mañá, sábado 28 de novembro, ás 13.00 horas, co concerto de Raposa, banda gañadora dos Premios NARF 2026. A actuación permitirá achegar ao público o proxecto musical recoñecido nesta última edición dos premios provinciais, que impulsan e visibilizan a creación musical galega.

Xa ás 18.00 horas, terá lugar o encontro «Premios que tecen redes: Certames Literarios da Deputación da Coruña», unha actividade dedicada ao papel dos premios literarios provinciais no impulso da creación e na conexión entre autoras, autores e lectores. Manuel Barreiro e Elías Taño presentarán Maré, obra gañadora do Premio Castelao de Banda Deseñada. A xornalista Susana Pedreira conducirá a conversa entre os autores, que rematará cunha sinatura de exemplares.

O domingo 29, ás 16.00 horas, a protagonista será Antía Yáñez, gañadora do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2025, que presentará a súa obra Bragakadabra nunha conversa con Lois Pérez, tamén gañador deste certame na edición de 2022.

O encontro reunirá dúas xeracións de persoas premiadas co Raíña Lupa para dialogar arredor da literatura infantil e xuvenil galega e da súa evolución desde a creación do premio en 1998, cando Agustín Fernández Paz resultou gañador da primeira edición con Cos pés no aire. Susana Pedreira moderará a conversa, que abordará tamén as lecturas e os percorridos literarios das persoas participantes.

A programación provincial pecharase o domingo ás 17.00 horas cos concertos de Tentáculo Rock e Noxem, as bandas e proxectos gañadores do concurso musical infantil Quero Cantar 2026, unha iniciativa da Deputación destinada a fomentar a creación musical entre a infancia e a mocidade e dar visibilidade ás novas voces da música galega.