Estás en:Novas

A Deputación da Coruña protagoniza o calendario anual da revista de viaxes de National Geographic

A iniciativa insírese na campaña de revitalización do sector "965 km de costa e un camiño infinito dan para moito..." da área de Turismo que dirixe Xosé Regueira

A Deputación da Coruña protagoniza o calendario anual da revista de viaxes de  National Geographic

O domen de Dombate abre o calendario anual da revista Viajes de Natural Geographic que dedica este 2021 á promoción dos recursos turísticos da provincia a través da Deputación da Coruña. Serán doce meses para difundir algúns dos principais lugares de interese da provincia nunha das revistas máis prestixiosas do sector.

Desde o Dolmen de Dombate que abre o mes de xaneiro até o mosteiro de Caaveiro que pecha en decembro, o tradicional almanaque da revista Viajes da National Geographic dedicado neste 2021 á Deputación da Coruña, visita lugares singulares pola súa riqueza paisaxística como o estuario do río Anllóns, o porto de Corme, , o miradoiro da Curota, o Ézaro, a serra da Capelada, a praia do Pindo, a paisaxe de Traba e as dunas de Corrubedo ou o Monte Louro e a lagoa das Xarfas.

Tamén recolle o prestixioso calendario recursos patrimoniais e artísticos como a catedral de Santiago de Compostela no mes de xullo deste ano Xacobeo, o Castro de Baroña,a Torre de Hércules, o monumento o Mirón de Arteixo , o hórreo en Nantón,o Dolmen de Axeitos ou os museos navais de Ferrol.

"Ser protagonistas do calendario da revista Viajes de National Geographic é unha oportunidade para a promoción turística dos recursos da provincia cunha publicación que ten como destino un público moi amplo e especialmente interesado en viaxar", sinala o vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.

O calendario insírese dentro da campaña da Deputación da Coruña destinada á recuperación do turismo despois da crise sanitaria que se prolongará ao longo de todo o ano e que leva como lema "965 km de costa e un camiño infinito dan para moitas..." que se intensificará cando a situación sanitaria o permita. "Consideramos que o 2021 ten que ser un ano de recuperación dun sector especialmente afectado pola pandemia e temos a certeza de que na provincia da Coruña ofrece destinos seguros e saudábeis que poderán ofrecer posibilidades tanto para un sector turístico desexoso de volver a viaxar como para quen busca unha opción sen riscos nun período tan complexo como o que vivimos así que faremos unha aposta por contribuír á revitalización necesaria", explica Xosé Regueira que pon o foco neste ano en que o calendario lembrará, mes a mes, que a provincia da Coruña ofrece interesantes opcións para viaxes e vacacións.

Neste sentido, se na portada destaca unha impresionante fotografía da ría de Ares, a contraportada dedícase ao bosque encantado nas beiras do río Sarela coa imaxe da campaña de promoción turística da Deputación da Coruña, co seu lema que ofrece moitas posibilidades de que neste caso aposta polas "sensacións" para completar a frase que queda en "965 km de costa e un camiño infinito dan para moitas sensacións"

A revista de Viajes da National Geographic é das máis prestixiosas do sector cunha tirada de máis de 16.500 exemplares, seguidos maiormente por un público que aposta polas viaxes no seu tempo de lecer. O calendario entrégase gratuitamente co número de xaneiro da revista que inclúe no seu índice contidos como unha visitas a Toledo, Tenerife, Murcia, Suíza,Costa Amalfitana, Chile ou Tunisia da man de recoñecidos nomes do xornalismo de viaxes con grande coidado pola imaxe.

Páxinas suxeridas