Estás en:Novas

O centro de coworking ‘Lab Barbanza’ de Boiro intégrase na Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación

Na súa visita ao centro, González Formoso destacou a necesidade de "aproveitar o potencial industrial de Galicia e apostar pola innovación"

Destacou que a Rede Provincial de Coworking e un "modelo único no país", xa que dispón de centros dedicados a sectores específicos, o que fomenta as sinerxias entre emprendedores

O alcalde José Ramón Romero explicou que 'Lab Barbanza' será "unha ferramenta de apoio para as persoas emprendedoras do noso municipio e da comarca e un lugar no que se poidan desenvolver grandes proxectos"

O presidente provincial, o alcalde de Boiro e o presidente da Asociación de Empresarios de Boiro (AEB) presentaron a nova campaña "Todxs Somos Boiro" de apoio ao comercio local boirense, cofinanciada pola Deputación

O centro de coworking ‘Lab Barbanza’ de Boiro intégrase na Rede de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá, acompañado do alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e dos deputados provinciais Blas García e Sandra González, o centro de coworking deste municipio, 'Lab Barbanza', que pasa a integrarse na Rede Provincial de Espazos de traballo colaborativo posta en marcha no marco do Plan de Emprego Local (PEL).

Boiro súmase así aos concellos de Oleiros, Brión, Ames, Carballo, Moeche e A Capela que tamén contan con centros de coworking especializados en diferentes sectores.

O centro boirense está situado no polígono industrial de Espiñeira, propiedade do Concello, que conta con 283 metros cadrados de superficie útil distribuídos en 5 oficinas, sala de recepción, servizo de reprografía e sala para reunións, xestión e presentación de proxectos, así coma aseos e zonas comúns.

O inmoble conta ademais con xardíns e zona de aparcamento exterior, insonorización, calefacción central de alta eficiencia enerxética, iluminación con LED de baixo consumo, conexión de telefonía e fibra óptica en todos os espazos e accesibilidade total para persoas con mobilidade reducida.

González Formoso destacou que "Galicia necesita facer unha lectura clara das súas potencialidades industriais e necesita apostar pola innovación e por este pequeno tipo de nichos onde o coñecemento teña as sinerxías garantidas e onde o coñecemento teña a posibilidade de intercambiar ideas e experiencias que fagan impulsar proxectos empresariais que hoxe son pequenos pero o día de mañá poden estar consolidados no seu mercado".

"Esta é a aposta que facemos desde a Deputación cos nosos espazos de traballo colaborativo sectoriais, especializados nun determino ámbito profesional, un modelo único no país", detallou o presidente provincial. O centro de Boiro dedicará a maior parte da súa actividade ao sector extractivo-transformador de produtos do mar, hostalaría e turismo e pequeno comercio.

Pola súa parte, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero explicou que "queremos que 'Lab Barbanza', ao igual que o resto de espazos de traballo colaborativo rede provincial, sexa unha ferramenta de apoio para as persoas emprendedoras do noso municipio e da comarca e un lugar no que se poidan desenvolver grandes proxectos".

O concelleiro de Comercio e Consumo, Marcos Fajardo, subliñou que os últimos datos oficiais de emprego din que na comarca do Barbanza "só Boiro planta cara á crise". "No 2020 fixéronse na localidade 4.480 contratacións relacionadas co sector industrial cando en 2019 foron 2.781", apuntou.

Para pór en funcionamento este novo espazo de traballo, o concello de Boiro e a Deputación da Coruña asinaron un convenio de colaboración que contou cun orzamento de 98.687,50 euros para dinamización e titorización dos proxectos deste coworking, dos cales un total de 75.000 euros procederon do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, é dicir, o 76% do total.

10 proxectos xa en fase de aceleración

O programa de formación e aceleración Emprende-LAB Barbanza, que contou tamén coa colaboración da Asociación Boirense de Empresarios (ABE), contou desde o mes de setembro con 18 emprendedores da contorna, que tiveron a oportunidade de traballar no espazo de coworking e de recibir formación en aspectos fundamentais para o desenvolvemento dos seus negocios.

Destes 18 proxectos empresariais, un total de 10 foron seleccionados para pasar á segunda fase tras un "DemoDay". Nesta xornada os proxectos participantes presentaron o seu traballo fronte a un xurado que os avaliou e seleccionou aos dez que pasarían á segunda fase do programa, o de aceleración.

Campaña de promoción do comercio local cofinanciada pola Deputación

Valentín González Formoso, José Ramón Romero e o presidente de ABE, Daniel García, presentaron hoxe a nova campaña de apoio ao comercio local, 'Xuntxs facemos Boiro – Todxs somos Boiro', que contou coa colaboración económica da Deputación. Unha campaña na que os propio empresarios e empresarias e os seus negocios son os protagonistas e que contará con dúas modalidades: física e en liña.

Por unha banda, desde esta semana e durante tres meses, 90 pancartas cos rostros de 12 socios e socias de ABE encherán as rúas de Boiro recordando a contribución de cada empresario ou empresaria á vida diaria do municipio. Por exemplo: 'Alicia – Frutas Reyjosa – 50 anos sendo a túa horta', 'Lucía - Autos R. Outeiral – 75 anos sumando km xuntos' ou 'Ángel – Cetarea A. Mar – 22 anos achegando sabor'.

En paralelo á parte física existe unha versión en liña na que, ademais das publicacións en redes e web das fotografías, lanzarase a finais do mes de marzo un vídeo que será o punto forte da parte máis dixital da campaña e que xirará en torno á interconexión da vila e os seus habitantes co comercio e empresas que lle dan vida.

González Formoso subliñou que a iniciativa da ABE "amosa o dinamismo que ten Boiro" e destacou o feito de que "os e as protagonistas desta campaña comercial sexan os que emprenden en Boiro e os que levan moitos anos sacando adiante os seus negocios, persoas que están facendo un esforzo enorme con esta pandemia e, polo tanto, son recursos moi ben investidos", apuntou.

José Ramón Romero quixo darlle os parabéns á asociación de empresarios "porque esta campaña pon cara ao comercio boirense e nos identifica con eles para facer a compra no noso municipio, permitindo darlle dinamismo nun momento no que a situación económica non é a desexada".

Por último, o presidente dos empresarios boirenses, Daniel García, incidiu en que o obxectivo desta iniciativa é o de "transmitir unidade" xa que "o asociacionismo en Boiro agora mesmo está en auxe e cremos que a unidade é a mellor ferramenta para saír das adversidades".

Páxinas suxeridas