Estás en:Novas

A Deputación destina axudas de ata 46.000 euros para apoiar a uns autónomos e microempresas “socialmente indispensables”

Aberta a convocatoria de axudas do PEL 2021, con máis de 5 millóns de euros para financiar novas contratacións, investimentos que melloren a competitividade das empresas e cotas á Seguridade Social de persoas autónomas

"Estamos ante o PEL máis social, cun orzamento que sobe un 40% e incorpora novas liñas para adaptarse á situación actual e apoiar aos sectores máis afectados pola pandemia", afirmou Valentín González Formoso

A nova liña PEL-AUTÓNOMOS subvencionará o 70% das cotas á Seguridade Social dos autónomos/as durante un ano

Este ano, todas as liñas do PEL serán compatibles entre si, polo que os beneficiarios poderán optar a axudas de entre 2.500 e 46.300 euros

A Deputación destina axudas de ata 46.000 euros para apoiar a uns autónomos e microempresas  “socialmente indispensables”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente Xosé Regueira e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo, presentaron hoxe a nova convocatoria de axudas do Plan de Emprego Local (PEL-2021), que este ano conta cun orzamento de máis de 5 millóns de euros para apoiar a contratación de persoal e investimentos por parte dos autónomos, pemes e microempresas da provincia. O prazo de solicitudes das axudas xa está aberto e remata o 15 de abril.

"Estamos ante o PEL máis social, cun orzamento que sobe un 40% con respecto ao ano pasado e que incorpora novas liñas para adaptarse á situación actual e apoiar aos sectores máis afectados pola pandemia", afirmou Valentín González Formoso, que explicou que o PEL "permitirá seguir creando emprego e impulsar con axudas de entre 2.500 e 46.000 euros a reactivación da hostalaría, o pequeno comercio, as persoas autónomas e microempresas, que como di o lema da campaña forman parte das nosas vidas e son socialmente indispensables".

Dos máis de 5 millóns de orzamento do PEL, 2,5 millóns destinaranse a subvencionar a contratación de traballadores/as, 2,26 millóns a financiar novos investimentos en pequenas empresas de recente creación e 500.000 € a unha nova liña (PEL-AUTONOMOS) que subvencionará o 70% das cotas das persoas autónomas á Seguridade Social durante un ano.

O presidente incidiu en que o PEL "é unha aposta transversal do Goberno da Deputación ao que se veñen destinando importantes recursos nos últimos anos". Nestes cinco anos, o investimento da Deputación na área de Emprego da Deputación pasou de apenas 1 millón de euros a máis de 20 millóns o ano pasado.

O vicepresidente, Xosé Regueira, destacou que "o enorme esforzo tanto no económico como no humano que supón tramitar o PEL" e puxo en valor a capacidade e compromiso do persoal da Deputación para emprender o reto de achegar con axilidade e con rapidez os recursos aos sectores máis afectados pola crise da Covid-19.

"A Deputación vai chegar nestes dous anos en torno aos 30 millóns de euros en recursos á economía da provincia, sen esquecer que a deputación ten 186 millóns de euros de orzamento e que, polo tanto, é unha porcentaxe enorme da totalidade", sinala Xosé Regueira.

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, destacou que nos cinco anos transcorridos desde a creación do PEL, a Deputación axudou a crear 3.900 empregos e impulsou a actividade de máis de 1.000 empresas.

Rioboo destacou tamén que a contía máxima das axudas do PEL pasa ás que poden aspirar as empresas ascenderá este ano a 46.300 euros nun momento no que "as pequenas empresas, que son indispensables para o desenvolvemento social e económico da provincia da Coruña precisan dun impulso importante."

Debido á excepcionalidade do momento actual, este ano todas as axudas PEL serán compatibles entre si. Deste xeito, unha microempresa ou persoa autónoma podería optar a un total de 46.300 euros entre as catro axudas, mentres que na anualidade pasada o máximo que podería ter recibido é unha subvención para investimento de 17.500 euros.

Atendendo ás demandas da cidadanía e coa finalidade de facilitar a tramitación da solicitude das axudas e de resolver a súa concesión o máis axiña posible redúcese notablemente a documentación a presentar polos solicitantes, que no momento de solicitude so deberán presentar o Anexo de xestión empresarial sostible, e ademais suprímense das exclusións ás sociedades civís, de maneira que estas poderán ser beneficiarias das axudas PEL na presente convocatoria.

As axudas PEL adáptanse á realidade da pandemia

Co obxectivo de priorizar os sectores emerxentes e de adaptar as axudas á nova realidade da crise económica provocada pola pandemia COVID-19 valoraranse positivamente os sectores estratéxicos e de alto potencial en Galicia, así como as actividades económicas máis afectadas pola pandemia da COVID-19, como por exemplo, o comercio, restauración e hospedaxe, os servizos recreativos, culturais e espectáculos, as axencias de viaxes e turismo, as actividades artísticas, o deporte, a sanidade, a industria téxtil e os servizos agrícolas, gandeiros, forestais e pesqueiros,entre outros.

Para a concesión das axudas valoraranse aspectos coma a responsabilidade social empresarial, a creación de novas liñas derivadas da nova situación da pandemia COVID-19 ou a innovación empresarial.

Deste xeito o PEL adáptase a nova realidade sen descoidar a creación de emprego e fomento do emprendemento.

Nova liña para apoiar ás persoas autónomas

A Deputación da Coruña, consciente das dificultades de moitos autónomos e autónomas para facer fronte ás cotas sociais debido á súa baixada na facturación, pon en marcha este ano unha nova liña de axudas: PEL-AUTÓNOM@S.

Esta liña destina 500.000 euros para os profesionais cunha antigüidade máxima de 5 anos de exercicio continuado no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou como mutualista de colexio profesional. A axuda consistirá no pago de 200 euros por mes durante doce mensualidades como máximo, correspondentes aos meses do ano 2021.

Ademais nesta liña se esixen como requisitos para obter a condición de beneficiario/a que as persoas autónomas ou mutualistas conten co seu domicilio fiscal nalgún municipio da provincia da Coruña e que non estean a percibir ningunha axuda por parte de calquera organismo para sufragar as cotas sociais.

A través desta liña, a Deputación sufragará o 70% dos custes das cotas á Seguridade Social durante un período de 12 meses,unha vez esgotadas todas as axudas e bonificacións estatais e de demais organismos, de xeito que cada autónomo/a que cumpra estes requisitos poderá optar a unha axuda máxima de 2.400€.

PEL-EMPRENDE, axudas ao investimento

A liña PEL-Emprende Investimento, dotada con 2.260.000 euros, está destinada a autónomos e empresas da provincia da Coruña que conten como máximo con cinco anos de antigüidade e domicilio fiscal en calquera dos concellos da provincia da Coruña.

As axudas cubrirán ata o 70% dos investimentos realizados en de aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario e equipos para procesos de información, cun importe máximo a conceder de 17.500 euros, sen IVE. Todos eles deben ser elementos novos e directamente relacionados coa actividade da empresa.

Como principais novidades, este ano inclúese o gasto de IVE como gasto subvencionable cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación por parte da entidade, co fin de atender ás demandas daquelas empresas que non poden compensalo. Ademais amplíase o número de facturas que se poden presentar por concepto contable de gasto na xustificación da axuda, incrementándose ata tres por partida.

O orzamento desta liña incrementase de xeito destacable, pasando de 1.260.000€ en 2020 a 2.260.000€ na convocatoria de 2021, o que supón un incremento de case un 80%.

PEL-PEMES, axudas á contratación

A liña PEL-PEMES contará este ano cun orzamento de 2 millóns de euros coa finalidade de subvencionar a novas contratacións de persoas durante un período de 12 meses ás pequenas empresas e autónomos/as con sede nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña.

A Deputación financiará o 70% do soldo e a Seguridade Social da persoa traballadora contratada, cunha achega máxima de 15.400 euros anuais.

PEL- PEMES conta cun orzamento adicional de medio millón de euros para financiar o mantemento das contratacións indefinidas realizadas ao abeiro da convocatoria de PEL-PEMES de 2020.

Deste xeito, as empresas beneficiarias do programa o ano pasado poden optar a unha nova axuda para manter o posto de traballo creado durante 12 meses máis. Nestes casos, a Deputación financiará o 50% do soldo e Seguridade Social da persoa traballadora cun importe máximo de 11.000 euros.

A presentación de solicitudes permanecerá aberta ata o vindeiro 15 de abril ás 14.00 horas e realizarase mediante o envío da documentación requirida nas bases de xeito telemático, a través da plataforma SUBTeL da Deputación:

O Plan de Emprego Local, posto en marcha polo Goberno provincial en 2016, creou máis de 3.900 novos empregos desde os seus inicios ata a actualidade e supón unha aposta estratéxica polo emprendemento e a creación de novos postos de traballo sen precedentes na historia da Deputación da Coruña.

Páxinas suxeridas