A Deputación da Coruña organiza visitas guiadas a colexios para ver unha grande exposición sobre os cetáceos de Galicia
Entre os meses de setembro e novembro de 2025 a Deputación da Coruña levará a Fisterra, Arteixo, Boiro e Melide a exposición Golfiños na Proa, creada pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que describe, con paneis explicativos, e numerosos restos óseos, a extraordinaria riqueza de cetáceos que hai nas costas de Galicia.
Coa fin de que os nenos e nenas coñezan esta grande biodiversidade mariña, e que se conciencien sobre a importancia da súa conservación, é polo que a Deputación da Coruña organizará visitas aos colexios que o soliciten. Estas visitas serán guiadas por persoal educativo da propia CEMMA, creadores da exposición e resposábeis da Rede de Varamentos de Cetáceos de Galicia (REVARGAL).
As datas e lugares nas que se exporá Golfiños na Proa e, polo tanto, nas que se realizarán as visitas guiadas para os nenos/as son:
- Fisterra, entre o 10 e 24 de setembro de 2025, na Lonxa de Fisterra.
- Arteixo, entre o 3 e o 15 de outubro de 2025. Local aínda sen fixar.
- Boiro, entre o 17 de outubro e o 4 de novembro de 2025. Local aínda sen fixar.
- Melide, entre o 14 e o 27 de novembro de 2025, no Centro Sociocultural Mingos de Pita.
As fotos deste artigo corresponden á visita realizada o 23 de setembro polo alumnado de 6º de Primaria do Colexio Nosa Señora do Carme de Fisterra.