Estás en:Novas

Blas García confirma que a Deputación seguirá apostando por mellorar o Consorcio Provincial de Incendios e Salvamento

O deputado visitou o parque de bombeiros de Cee, onde felicitou os traballadores pola actuación no incendio do polígono de Santa Comba
Ademais, comprometeu o apoio da Deputación ao Ano Xubilar de Santa María da Xunqueira xa que "incide de forma positiva en todos os Concellos do Camiño de Fisterra-Muxía"

Blas García confirma que a Deputación seguirá apostando por mellorar o Consorcio Provincial de Incendios e Salvamento

O deputado de Promoción Económica e responsable da área de Emerxencias, Blas García, visitou hoxe o parque de bombeiros de Cee, onde confirmou "o compromiso total" da Deputación "co carácter público que se lle dou ao Consorcio Provincial de Incendios e Salvamento".

Blas García, que estivo acompañado pola alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, e o xerente do Consorcio, Jose Luis Barca, explicou que "imos seguir apostando en mellorar o servizo de Emerxencias, tanto nos medios materiais necesarios como na situación laboral dos profesionais". "Estamos traballando na adquisición de novos vehículos en substitución de algúns dos xa existentes, así como doutro material de intervención necesario e tamén na actualización da RPT", informou.

O deputado aproveitou a visita para trasladar as felicitacións aos traballadores, en nome do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, pola actuación realizada recentemente no incendio do Polígono Industrial de Santa Comba, no que participaron bombeiros dos parques de Santa Comba, Carballo e Cee. "Grazas á rápida intervención e coordinación, lograron evitar que o incendio se propagara a outras naves lindeiras", destacou.

Compromiso co Ano Xubilar da Xunqueira

Ademais, Blas García comprometeu o apoio da Deputación da Coruña ao Ano Xubilar de Santa María da Xunqueira xa que "é importante non só para o Concello de Cee, senón que tamén incide de forma positiva nos Concellos polos que pasa o camiño Fisterra-Muxía, agrupando tanto os da comarca da Costa da Morte, como do Xallas e Compostela".

O deputado comprometeu a colaboración económica nesta actividade e considera que "pode ser interesante facer un convenio de colaboración entre outras administracións, en especial coa Xunta de Galicia xa que este ano Xubilar estenderase ata o ano 2023, transcendendo máis alá do Ano Xacobeo que finaliza este 2022".