Estás en:Novas

Aclaracións ao bloqueo de CIG e CSIF sobre oPlan de Ordenación de RRHH

Aclaracións ao bloqueo de CIG e CSIF sobre oPlan de Ordenación de RRHH

Ante as últimas informacións sindicais sobre o Plan de Ordenación de RRHH queremos facer as seguintes aclaracións para evitar a confusión que algúns pretenden xerar:

Primeiro.- CIG e CSIF votaron en contra tanto na Mesa Xeral de Negociación como na Comisión Paritaria de laborais (como podedes observar nas actas que se achegan) e iso apesares de que a corporación insinúo que sen un apoio na comisión paritaria, similar ao obtido na mesa de negociación, non levaría o plan a aprobación plenaria. O que de facto significa que o plan queda bloqueado.

Segundo.- O Plan de Ordenación de RRHH constitúe o marco ideal para que os procesos que afectan á política de persoal, adquiran o máximo nivel de desenvolvemento coa máxima seguridade xurídica. Así, procesos como a promoción interna, a carreira profesional ou a propia Valoración de Postos de Traballo verán limitada a súa potencialidade senón están ao amparo do plan.

Terceiro.- Resulta inexplicable que aínda que teñen recoñecido que as medidas do plan eran positivas para os traballadores e traballadoras, votasen en contra. Non cabe dúbida que intentar acadar o máximo beneficio para o persoal durante a negociación (como por certo fixo CCOO conseguindo incorporar tres das súas catro emendas), é parte importante da labor sindical. Mais, non ter os reflexos suficientes como para evitar a paralización do plan por intentar acadar un beneficio extra para un reducido grupo de laborais, supón un grave prexuízo para a maioría do persoal.

Cuarto.- O motivo para votar en contra do plan e quizais o máis grave de todo, é que se pretendía incorporar unha ilegalidade no plan: converter os postos e prazas de funcionarios (que ocupa persoal laboral) en postos e prazas de laborais para permitir que o persoal laboral poida promocionar aínda que non teña titulación.
Ata tres técnicos provinciais advertiron en diversas ocasións durante a reunión da comisión paritaria que a proposta era ilegal. Polo tanto non é irracional e inxusto pedir que se incluía a todo o persoal (algo que o plan xa o fai). O inaudito é votar en contra porque o plan non incorpora unha ilegalidade que, ademais, poñería en perigo o propio plan. Esa é a razón pola que un sindicato serio e comprometido coa maioría non pode apoiar semellante medida.

Quinto.- Se está a faltar a verdade cando se afirma que a Valoración de Postos de Traballo financiarase tan só coas partidas de produtividade. A Valoración de Postos de Traballo disporá do orzamento adicional que sexa necesario segundo os termos que permita a lei. Obviamente non establece cantidades porque iso dependerá do resultado da finalización da VPT obxectiva, global e sistemática. Así pois, ademais da transferencia de 3/4 dos fondos das partidas de produtividade incrementarase coa cantidade que sexa necesaria. Tal e como recolle a nosa terceira emenda que foi aceptada pola corporación e incorporada ao texto definitivo.

Todos os membros da Comisión de Valoración de Postos de Traballo, logo dunha primeira análise da RPT concluímos que as achegas das partidas de produtividade non serán suficientes, polo que obviamente haberá unha importante mellora salarial, sobre todo para os postos que non están factorizados o teñen salarios máis baixos.

Sexto.- O plan de ordenación incorpora o principio reitor para desenvolver un plan de rexuvenecemento do cadro de persoal mediante xubilacións parciais e anticipadas. Semella que algúns non leron o documento final que incorpora as emendas de CCOO aceptadas pola corporación, neste caso a nosa primeira emenda.

Sétimo.- Entendemos que os que bloquearon o plan traten de restarlle valor, pero non se trata dunha declaración de intencións, senón dun conxunto de medidas con compromiso de execución. Como en calquera plan quedan actuacións pendentes de deseñar e desenvolver pero o compromiso do goberno provincial é claro e nítido. Resulta curioso observar como os que se autroproclaman de "ideoloxía de esquerdas" vetan o plan do actual goberno progresista, mentres non dubidaron en dar un voto de confianza ao anterior goberno provincial conservador do PP cun plan de emprego de menor envergadura e que non aseguraba unha actuación global, sistemática é simultánea como si o fai o actual.

Octavo.- Aínda que entendemos a frustración que deben estar a sufrir as centrais sindicais que bloquearon o plan, diante das críticas masivas que están a recibir por parte do persoal que se amosa indignado por desta actuación al considerar que que lles prexudica, consideramos inaceptable utilizar o insulto nos comunicados sindicais como método de defensa, rexeitamos a utilización de termos como "miserable". En todo caso, si utilizamos a definición menos habitual do termo que recolle o dicionario: Desdichado, abatido ou infeliz, entón poderíamos concluír que efectivamente as centrais sindicais que votaron en contra nos fixeron a todos e todas un pouco máis miserables.

Noveno.- O triste deste asunto é que levamos case medio mandato e sempre son os mesmos os que se dedican a destruír, opoñéndose sistemáticamente a medidas que son favorables para o cadro do persoal. Basta con recordar que si por eles fora non houbésemos cobrado a substanciosa liquidación de produtividade no mes de decembro, pois ambos os dous votaron en contra e tivo que ser o voto a favor de UGT e CCOO quen evitase semellante barbaridade.

Decimo.- Por último, valoramos positivamente o apoio de UGT ao plan porque entenderon, ao igual que CCOO e a maioría do persoal, que era un grande avance para os traballadores e traballadoras. Asemade queremos agradecer o apoio de UGT a nosas emendas. CCOO foi o único sindicato que presentou emendas, dúas xa as comentamos anteriormente, a terceira que foi aceptada pola corporación foi para habilitar un novo proceso de promoción interna na fase fina do plan.