Estás en:Novas

Día da Poesía 2022

Día da Poesía 2022

O 21 de marzo celebramos, como cada ano, o Día Mundial da Poesía.

Este ano aproveitamos para centrar un pouco a celebración, ademáis de na poesía premiada no galardón da Deputación da Coruña «Miguel González Garcés», en César Antonio Molina, poeta que este ano cumpre o seu 70 aniversario e que legou a súa biblioteca persoal á Biblioteca.

Animámosvos a coñecer un pouco máis a obra desta figura tan relevante para a provincia da Coruña, que estará presente nas diversas actividades que temos na Biblioteca para conmemorar este día, e que relatamos a continuación.

  • Degustación de poesía para público adulto e infantil

Na sección de préstamo de persoas adultas, este ano seleccionamos fragmentos dos poemarios premiados nestes máis de vinte anos de existencia do premio de poesía da Deputación da Coruña «Miguel González Garcés», para facer unha degustación, de xeito que aleatoriamente levedes un poema cos vosos préstamos. E tamén poemas de César Antonio Molina! Deixádevos sorprender polos poemas!

Ademáis, na sección Infantil e Xuvenil tedes tamén unha degustación de poesía galega onde atopar algúns dos poemas máis emblemáticos da nosa literatura.

  • Poemarios en préstamo

Durante toda a semana, xunto ao mostrador de préstamos, poderedes atopar unha selección de libros de poesía tomados da biblioteca persoal de César Antonio Molina e Mercedes Monmany, dispoñibles para o préstamo. Esta selección abarca desde autores menos coñecidos a grandes premiados, e por suposto, algunhas obras do noso poeta homenaxeado.

Ademáis, tamén podedes levar prestados todos os primeiros premios do Miguel González Garcés de poesía da Deputación.

Na Biblioteca dixital podes elixir algúns dos libros dispoñibles para empaparte de poesía, tanto de autores e autoras coruñeses, como galegos ou foráneos. Elixe segundo as túas preferencias, tes moito onde elixir. E se ningún te convence, podes seleccionar «Poesía» por materias na túa busca, e tomar en préstamo algún dos 280 libros de poesía dispoñibles na EbiblioDaCoruna. Nesta selección atoparás tamén dispoñibles poemarios de César Antonio Molina.

  • Lectura de «Poetízate» de Fran Alonso no club dixital EbiblioDaCoruna

O luns 21 de marzo, Día da poesía, comezaremos a ler esta antoloxía de poesía galega de Fran Alonso, coordinados coma sempre por Patricia Cernadas. Entra no club dixital, vai á sala «Arredor dos libros«, e achégate á poesía máis nosa...

Páxinas suxeridas