Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Mesía financiarán a construción dun novo depósito para a rede de abastecemento de auga do municipio

Instalarase un novo depósito de 1.000 metros cúbicos xunto ao actual, dunha capacidade de 766,8 metros cúbicos e que queda pequeno para a demanda existente

O orzamento é de 202.630,11 euros, dos que a o ente provincial achegará 162.104,08 euros

A Deputación e o Concello de Mesía financiarán a construción dun novo depósito para a rede de abastecemento de auga do municipio

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro, asinaron o convenio polo que a Deputación colaborará co municipio na construción dun novo depósito para a rede de abastecemento de auga.

A actuación, que está valorada en 202.630,11 euros dos que a Deputación achegará 162.104,08 euros, o 80% do orzamento, consiste na construción dun depósito de 1.000 metros cúbicos de capacidade para poder responder ás demandas actuais do municipio xa que o actual, de 766,88 metros cúbicos, queda pequeno.

Segundo explicou o alcalde, a día de hoxe, o sistema de abastecemento de auga de Mesía conta con 103 quilómetros de rede, coa que se serve a 418 abonados das máis de 800 acometidas existentes de veciños, empresas, ganderías e demais consumidores. Ademais, Mesía conta con 12.768 cabezas de gando, o que supón un gran consumo de auga nos momentos nos que as captacións propias se esgotan ou diminúe o seu caudal.

Por todo isto, o Concello promove a construción dun novo depósito que permita responder á crecente demanda do servizo, garantir a subministración en caso de paradas ou avaría na ETAP e facilitar as tarefas de mantemento dos vasos de almacenamento sen afectar á subministración.

A nova instalación construirase ao carón da actual, situada na parroquia de Santa María de Cumbraos. Terá unha planta rectangular, realizarase en formigón armado e os traballos incluirán a instalación da cámara de válvulas, dos equipos de control, medición e dosificación, das correspondentes canalizacións e valvulería, así como a adecuación da chaira.