Estás en:Novas

A Deputación da Coruña culmina a transformación da Praza de Ferrándiz nun novo espazo verde e de convivencia en Esteiro (Ferrol)

Valentín González Formoso e José Manuel Rey Varela visitaron a actuación, que vén de rematar e supuxo un investimento de máis de 570.000 euros

A remodelación afectou a máis de 9.500 metros cadrados e incorpora novos espazos verdes, zonas de xogo infantil e exercicio, percorridos peonís e melloras de accesibilidade e estacionamento

A Deputación da Coruña culmina a transformación da Praza de Ferrándiz nun novo espazo verde e de convivencia en Esteiro (Ferrol)

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitaron hoxe a praza de Ferrándiz, no barrio de Esteiro, onde veñen de completarse as obras de remodelación impulsadas pola institución provincial para recuperar este espazo urbano e convertelo nunha nova zona verde, accesible e de convivencia para a veciñanza.

A actuación, cun investimento de 570.601,24 euros, permitiu transformar unha superficie de máis de 9.500 metros cadrados, ata agora infrautilizada, e recuperar o carácter unitario deste ámbito histórico de Esteiro.

"Recuperamos para Ferrol un espazo que tiña enormes posibilidades e que agora se converte nunha gran praza pensada para ser vivida e gozada todos os días pola veciñanza", destacou González Formoso durante a visita: "É unha mostra máis do compromiso da Deputación da Coruña coa cidade de Ferrol".

O presidente provincial incidiu en que "o resultado é perfectamente visible: onde antes había un espazo degradado e pouco aproveitado temos agora unha gran zona verde, accesible, con lugares para pasear, para que xoguen os nenos e nenas e para que persoas de todas as idades poidan gozar ao aire libre". Neste sentido, resaltou que "falamos de miles de metros que quedan totalmente recuperados" e que se incorporan "todos os elementos que teñen que ver cunha forma de vida máis moderna, máis verde, máis sostible".

Así mesmo, Formoso salientou que tamén será unha intervención de aproveitamento turístico, para uso de persoas "que teñan afección polo turismo militar e histórico". Explicou que se apoiarán con fondos propios unha serie de actuacións acordadas co Concello, que arrancarán cunha intervención no Observatorio Meteorolóxico de Monte Ventoso, "igual que xa actuamos na marxe esquerda da ría, no Concello de Ares, nas instalacións auxiliares das baterías de Punta Segaña".

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, agradeceu a colaboración da Deputación, "aliada" en proxectos de dinamización turística. "Estamos nunha das portas históricas da nosa cidade, a de Fonte Longa, e esta actuación está enmarcada no proxecto da Deputación de dinamización turística das baterías", explicou. O rexedor engadiu que agora queda "a disposición dos veciños" e amosou a súa confianza na continuidade desta colaboración entre administracións, "que é o que están desexando todos os veciños".

Espazos axardinados e novos equipamentos

A nova praza de Ferrándiz conta con espazos axardinados e arborado, novos percorridos peonís, unha área de xogos infantís e outra con equipamento biosaudable para a práctica de exercicio físico. A intervención incluíu tamén a renovación e adaptación das beirarrúas para mellorar a accesibilidade, novo mobiliario urbano, alumeado eficiente e un sistema automatizado de rego.

A remodelación mellora tamén a ordenación do estacionamento no perímetro da praza, coa creación de 26 prazas reguladas, e recupera elementos que evocan a configuración histórica do antigo Cadro de Esteiro.

O deseño mantén precisamente unha estreita relación coa historia deste ámbito urbano. A actuación recupera a referencia do antigo Cadro de Esteiro, o espazo trazado no século XVIII que servía de acceso aos estaleiros ferroláns, respectando a súa estrutura xeométrica e recuperando a presenza do arborado que historicamente delimitaba este enclave.

Formoso destacou que a intervención "combina a recuperación da memoria urbana de Esteiro cunha forma moderna de entender o espazo público: máis verde, máis accesible e pensado para as persoas".

A actuación enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) "Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra", financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) da Unión Europea – NextGenerationEU, e executada pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Ferrol.

Co remate das obras, a Praza de Ferrándiz recupera o seu papel como un dos grandes espazos públicos de Esteiro, cunha nova configuración que amplía os usos da zona e crea un punto de encontro para a veciñanza.