Estás en:Novas

A Deputación financia o programa para a selección, reprodución e mellora da abella negra local da Casa do Mel de Goente, nas Pontes

O ente provincial destina preto de 20.000 euros a un proxecto que permitirá recuperar e mellorar a liña autóctona da abella negra, aumentando a produtividade e a calidade do mel

González Formoso valorou o traballo que se fai na Casa do Mel, "que repercute directamente na economía local e que permite mellorar a produtividade dos apicultores"

A Deputación financia o programa para a selección, reprodución e mellora da abella negra local da Casa do Mel de Goente, nas Pontes

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación Apicultores Casa do Mel, Manuel Ferreira, acompañados da concelleira de Turismo do Concello das Pontes, Elena López, asinaron hoxe o convenio polo que a institución provincial financia o programa para a selección, reprodución e mellora xenética da abella negra local que está a desenvolver a Casa do Mel situada de Goente.

A achega provincial, que ascende aos 18.499,44 euros, permitirá executar o plan de recuperación e mellora xenética da abella local que se elaborou co asesoramento da Oficina de Transferencia da Investigación da Universidade de Murcia e da doutora experta na materia, Pilar de la Rúa Tarín.

Segundo argumentan desde a Casa do Mel, a recuperación da abella negra local presenta unha dobre vertente positiva xa que non só repercute na biodiversidade da especie, na conversación e protección dos ecosistemas e da paisaxe do territorio nos que se recupera e fixa á poboación, senón que tamén permitirá lograr unha maior produción co consumo de menos recursos, debido á súa mellor adaptación ao medio e resistencia ás enfermidades máis comúns.

Os obxectivos específicos do proxecto que se propón englóbanse en tres puntos principais: a recuperación e conservación da abella local tras anos de introdución de liñas de abella italiana con cruzamentos e hibridación coa autóctona; a mellora xenética da abella local para manter a súa adaptación ao medio e mellorar algunha das características produtivas, sanitarias e de mansedume; e a expansión da abella local entre os apicultores do territorio para obter unha maior produtividade, reducir as perdas, ampliar a supervivencia dos enxames e, en definitiva, ter unha mellora no rendemento das explotacións.

Valentín González Formoso valorou o traballo que se fai desde a Casa do Mel "que viu incrementada a súa actividade exponencialmente nos últimos anos debido á incorporación de novos socios" e que "realiza un labor moi importante que repercute na economía local, comercializando no pequeno comercio o excedente de mel que produce, contribuíndo á promoción dun produto típico e local como o mel, e ademais proporciona información, formación e especialización aos apicultores para que estes acaden unha maior produtividade, un incremento na calidade dos seus produtos e, polo tanto, unha maior penetración e diferenciación no mercado".

Manuel Ferreira explicou que a importancia do programa radica en que "a abella negra sufriu unha forte erosión xenética nos últimos tempos debida á diminución das colonias e a importación de razas foráneas, que tivo como consecuencia a aparición e rápida difusión de colonias híbridas, poñendo en perigo a subsistencia da abella local que queremos manter".

Páxinas suxeridas