Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Carballo colaboran nun proxecto piloto para a promoción de vivenda social ecolóxica e sustentable

Valentín González Formoso anuncia que a posta en marcha dun proxecto piloto de vivenda ecolóxica en alugueiro social con Carballo "podería ser extensible ao resto da provincia"

Suporá unha aposta polo fomento da edificación de consumo enerxético case nulo, aplicando os estándares da vivenda pasiva

O estudo previo foi redactado pola arquitecta Marta Trigás, que desenvolve a súa actividade profesional no coworking da Deputación do Pazo de Arenaza

A Deputación e o Concello de Carballo colaboran nun proxecto piloto para a promoción de vivenda social ecolóxica e sustentable

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira Varela, e o alcalde do Concello de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, xunto ao deputado da área de Emprego, José Ramón Rioboo, reuníronse esta mañá no pazo provincial co obxecto de impulsar conxuntamente un proxecto de promoción de vivendas ecolóxicas na provincia.

Durante este encontro os representantes de ambas institucións manifestaron opinións acordes sobre a importancia de potenciar a arquitectura ecolóxica mediante a promoción de inmobles pasivos, de consumo enerxético case nulo. Este modelo de edificación, construída aplicando os estándares da passivhaus, responde a un deseño construtivo que busca reducir ao máximo a enerxía necesaria para a súa climatización, logrando manter un ambiente e unha temperatura constantes e confortables durante todo o ano mediante a optimización dos recursos existentes.

Actualmente existe un parque de máis de 300 edificios certificados passivhaus en España incluíndo vivendas unifamiliares, pero tamén edificios multirresidenciais, tanto de vivenda pública como privada, e edificios terciarios de uso dotacional, educativo e sanitario.

Por este motivo, en liña coa estratexia establecida no Pacto Verde Europeo e en aras de loitar contra o cambio climático, evitando a contaminación, para a transición cara un modelo produtivo e social máis ecolóxico, abriuse unha liña de investigación para a promoción e proxección de vivenda pasiva sustentable na provincia, coa finalidade de incorporar tipoloxías de edificacións adaptadas ás novas realidades, minimizando a súa pegada ecolóxica mediante solucións bioclimáticas.

Seguindo a liña de investigación aberta encargouse un estudo de viabilidade de vivendas passivhaus no Concello de Carballo, que foi redactado por un equipo liderado pola arquitecta Marta Trigás, profesional que desenvolve a súa actividade desde o coworking do Pazo de Arenaza, centro insignia da Rede Provincial de Coworking.

Neste estudo valoráronse aspectos sociais e da xeografía humana, como a densidade de poboación, a existencia de demandantes de vivenda na zona, a existencia de vivenda desocupada, e demais cuestións, que concluíu que o ámbito proposto é unha localización idónea para a posta en marcha dun proxecto piloto de vivenda pasiva, tendo en conta tamén o modelo de desenvolvemento urbano sustentable que está a asumir e que o postulan como un exemplo para seguir por outros concellos da contorna e da provincia, en termos de mobilidade, accesibilidade e inclusión.

Tras esta análise, o Concello de Carballo e a Deputación acordaron formalizar un convenio para a posta en marcha dun proxecto piloto de vivenda ecolóxica en alugueiro social coa finalidade de impulsar actuacións replicables por toda a provincia.

No marco da formalización do convenio ambas institucións acordaron destinar un total de 94.967 euros para sufragar os custos totais do proxecto, dos cales a Deputación comprometeuse a achegar para a súa execución 70.967 euros de fondos propios (o 74,73% do total), mentres que o Concello de Carballo achegará os 24.000 euros restantes (o 25,27%).

A nova senda de accións cara unha construción pasiva, que comezará coa posta en marcha deste proxecto piloto, achegará á provincia os beneficios da transición ambiental a través de experiencias tanxibles a nivel local. Ademais suporá a mellora da vida cotiá da cidadanía, xa que este tipo de arquitectura sostible promove tres valores fundamentais: sustentabilidade, desde os obxectivos climáticos ata a circularidade, a contaminación cero e a biodiversidade; estética, a calidade da experiencia e o estilo, máis aló da funcionalidade; e inclusión, valorizando a diversidade e a accesibilidade.

A este proxecto seguiranlle outras actuacións por toda a provincia tras o estudo das diferentes propostas, promovéndose a rehabilitación no rural, a proxección de inmobles ecolóxicos en espazos urbanos e, en definitiva, a construción pasiva e sostible no territorio, sempre procurando a menor pegada ambiental. De feito, ao Concello de Carballo seguiralle previsiblemente o de Culleredo, que xa amosou o seu interese en levar a cabo este tipo de actuacións no seu termo municipal.

Coa apertura desta liña de actuación queda patente o compromiso da presente corporación co medio ambiente, a transición ecolóxica e o crecemento verde, sostible e integrador.