Formoso supervisa en Camariñas as obras do futuro Museo dos Naufraxios e visita as instalacións de Cerdeimar
A Deputación achega 330.000 euros dos 430.000 de investimento para recuperar a antiga lonxa do peirao do Curbeiro e convertela nun novo referente cultural da Costa da Morte
O presidente provincial coñeceu tamén a actividade de Cerdeimar, histórica conserveira con máis de 140 anos de traxectoria e profundamente vinculada ao tecido económico e industrial de Camariñas
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe Camariñas para supervisar o avance das obras de rehabilitación da antiga lonxa do peirao do Curbeiro, que xa se atopan en execución e que permitirán transformar este emblemático edificio no futuro Museo dos Naufraxios.
Formoso estivo acompañado pola deputada provincial Mónica Rodríguez e pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, xunto con membros da corporación municipal. Durante a visita, o director da obra e o responsable da empresa construtora explicaron sobre o terreo os traballos que se están desenvolvendo e os principais detalles do proxecto.
A actuación conta cun investimento de 430.000 euros, dos que a Deputación da Coruña achega 330.000 euros, o 76,7 % do total, mentres que o Concello de Camariñas financia a cantidade restante. O proxecto supón a recuperación dun inmoble estreitamente ligado á historia mariñeira da localidade e que levaba décadas sen uso e en progresivo estado de deterioro.
"Creo que é un auténtico acerto por parte de Camariñas apostar, desde o punto de vista turístico e económico e de respecto á historia dunha vila e dunha comarca, por un Museo dos Naufraxios que vai concentrar o interese de todo o que ten que ver cos naufraxios no Atlántico, tendo en conta que nesta zona hai máis de 600 naufraxios documentados. Estamos a falar dun motor turístico brutal e confiamos absolutamente nel", destacou González Formoso.
O presidente provincial subliñou tamén a estreita colaboración entre a Deputación e o Concello para facer posible unha actuación "na que a Deputación aporta o que ten que aportar: recursos económicos e apoio, pero na que, ademais, compartimos a convicción de que non vai ser un museo máis: vai ser un museo de referencia en Galicia".
Nesta primeira fase, os traballos contemplan a reparación e consolidación estrutural do inmoble e a reforma integral da súa envolvente exterior, con actuacións nas cubertas, fachadas e carpinterías. Entre outras intervencións, executarase unha nova cuberta, rehabilitaranse as fachadas mediante un sistema de illamento térmico exterior e renovaranse portas e ventás para mellorar a eficiencia enerxética, a salubridade e as condicións de conservación do edificio.
O proxecto mantén o volume e o carácter industrial e mariñeiro da antiga lonxa e constitúe a primeira fase do futuro Museo dos Naufraxios. Unha vez consolidada a estrutura e protexida a envolvente do inmoble, poderá abordarse posteriormente o acondicionamento interior e a musealización.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que o inicio das obras "é ilusionante" e cualificounas como "un proxecto vital para o turismo, non só de Camariñas, senón de toda a comarca. É un edificio moi querido por todos os camariñeses e camariñesas, que estabamos vendo todos os días en moi mal estado, xusto no centro da vila".
Insua incidiu na importancia que terá o futuro museo para poñer en valor "a historia dos naufraxios, a cultura mariñeira e a especial relación de Camariñas e da Costa da Morte co océano", ao tempo que agradeceu o apoio económico da Deputación para avanzar na recuperación do inmoble. "A idea de facer aí o Museo dos Naufraxios foi moi meditada, porque os usos que permitía a lonxa non podían ser outros. A zona entre Cabo Vilán e o Cemiterio dos Ingleses é unha das de maior concentración de naufraxios e danse moitísimos factores para que Camariñas sexa a capital non só do encaixe, senón tamén dos naufraxios de toda Galicia", engadiu.
Coa execución desta primeira fase, a antiga lonxa quedará estruturalmente consolidada e protexida fronte aos axentes meteorolóxicos, preparada para afrontar as seguintes actuacións que permitirán convertela definitivamente no Museo dos Naufraxios, un novo espazo cultural e turístico vinculado á memoria marítima de Camariñas e da Costa da Morte.
Visita a Cerdeimar, máis de 140 anos de industria conserveira en Camariñas
A xornada do presidente provincial en Camariñas continuou cunha visita ás instalacións de Industrias Cerdeimar, unha das empresas históricas do municipio e estreitamente vinculada á tradición pesqueira e conserveira da Costa da Morte.
Fundada en Camariñas en 1884 como unha fábrica de salgadura de sardiña, Cerdeimar conta con 142 de historia e está especializada na fabricación de conservas de peixe e marisco e de pratos preparados, cunha importante presenza no sector dos túnidos. A compañía comercializa os seus produtos tanto no mercado nacional como internacional e mantén en Camariñas unha parte esencial da súa actividade industrial.
Durante o percorrido polas instalacións, acompañado de Juanma Montes, director de procesos da empresa propietaria, e Domingo Fernández, director da planta de Camariñas, Formoso e Insua interesáronse polos distintos procesos produtivos e o funcionamento da planta, especializada en conservas de atún, que fabrica tanto para a marca de distribución do grupo Family Cash, propietaria da planta, como para as marcas Boya e Fish and Company.
O presidente da Deputación destacou "a importancia de contar na provincia con empresas que combinan unha longa tradición industrial coa capacidade de adaptarse, innovar e competir en mercados cada vez máis esixentes".
"Como presidente dunha provincia conserveira, que é a maior de Europa en produción de conserva de peixe e marisco, para min é un auténtico orgullo ver persoas que levaban 40 anos traballando nesta instalación e que agora van poden xubilarse aquí. Isto demostra que este país funciona, que esta provincia funciona", afirmou Formoso.
O presidente provincial destacou tamén a importancia de manter e fortalecer actividade industrial nos municipios da Costa da Morte, e salientou "a forma en que se están facendo as cousas, respectando o pasado da marca, respectando os procesos, incorporando a innovación como elemento de garantía de futuro e conformando un grupo comercialmente moi potente que está en expansión, así como a consideración coa vila, co emprego local e cos produtores locais".
Formoso interesouse tamén polos plans e perspectivas da compañía, que nos últimos anos ampliou a súa capacidade produtiva e a variedade de formatos coa incorporación dunha planta en Alfaro, na Rioxa, mantendo Camariñas como sede e como un dos centros fundamentais da súa actividade.
A alcaldesa, Sandra Insua, destacou pola súa banda o peso de Cerdeimar na economía local e o valor que supón para Camariñas contar cunha empresa cunha traxectoria de máis dun século ligada á vila e á súa tradición mariñeira. "É un orgullo poder visitar a fábrica xa en pleno apoxeo. É un referente en Camariñas, moitísimas familias dependen da fábrica. É unha tranquilidade e un orgullo poder visitar co presidente da Deputación, unha fábrica que está en pleno funcionamento, na que xa hai case 55 persoas traballando e que é vital para a vila de Camariñas", sinalou.
O representante da empresa, Juanma Montes, agradeceu pola súa banda "a atención e a axuda que nos están prestando. Sentímonos moi orgullosos de poder estar colaborando nun proceso como este e no avance desta empresa, unha das conserveiras máis antigas de España".
