Estás en:Novas

A Deputación financia a pavimentación da estrada ao Miradoiro de Vieiro, en Aranga

A Deputación financiará o 80 % do custo total da iniciativa, que ascende a 87.500 euros e permitirá corrixir deficiencias e mellorar a seguridade do tráfico

A Deputación financia a pavimentación da estrada ao Miradoiro de Vieiro, en Aranga

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Aranga, Alberto Platas, asinaron o convenio para financiar as obras de pavimentación da estrada de Gallado - Miradoiro de Vieiro. O proxecto está valorado en 87.500 euros, dos que a Deputación achegará 70.000 euros, é dicir, o 80 % do custo total.

As obras servirán para acondicionar o firme dunha estrada que na actualidade presenta deficiencias por mor do paso do tempo e o seu uso. A día de hoxe, a capa de rodaxe conta con fochancas que repercuten de forma negativa nos vehículos que transitan pola zona. Como resposta, a Deputación apoiará ao Concello na limpeza do pavimento existente e na posterior pavimentación con mestura bituminosa en quente.

Os traballos tamén permitirán formar e limpar gabias a ambos lados da vía e pintar nova sinalización horizontal na plataforma. O prazo de execución da proposta será de catro meses desde o comezo nas obras.

"Seguimos a reafirmar o noso compromiso e colaboración cos pequenos municipios coruñeses para levar a cabo actuacións que incrementen a seguridade da súa rede viaria, ofrecendo a veciñanza e visitantes unhas infraestruturas acondicionadas e unhas mellores conexións", sinala o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Páxinas suxeridas