Estás en:Novas

O Museo do Pobo Galego acolle a presentación do libro sobre Antolín Faraldo

Será o martes 10 de maio, ás 19h, e correrá a cargo do autor Xurxo Martínez, do editor Quique Alvarellos, do presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, e da deputada de Normalización Lingüística, María Muíño

'Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do rexurdimento' aborda, por vez primeira dun xeito integral, a vida e a obra de quen Manuel Murguía definiu como «el primero y el mejor», Antolín Faraldo, a voz de toda unha xeración, a alma da revolución de 1846, unha figura case mítica no imaxinario galego e que hoxe aínda segue a ser un gran descoñecido

O Museo do Pobo Galego acolle a presentación do libro sobre Antolín Faraldo

O Museo do Pobo Galego acolle o vindeiro martes, ás 19:00h, a presentación do libro " Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do rexurdimento" da autoría de Xurxo Martínez e editado por Alvarellos. A obra conta co apoio da Deputación da Coruña e forma parte do programa de actividades que ten deseñado a institución provincial con motivo do 200 aniversario do nacemento de Antolín Faraldo. Na presentación estará presente o editor, o autor da obra, o presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, e a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño.

María Muíño aproveita para "animar ao conxunto da cidadanía a achegarse á presentación da obra para coñecer a nosa propia historia, a dunha xeración aínda tan descoñecida para o conxunto de galegas e galegos". "Cremos", engade a deputada "que esta obra vén aportar moita luz sobre un home ao que Murguía cualificou como " o primeiro e o mellor".

O volume aborda, por vez primeira dun xeito integral, a vida e a obra de quen Manuel Murguía definiu como «el primero y el mejor», Antolín Faraldo, a voz de toda unha xeración, a alma da revolución de 1846, unha figura case mítica no imaxinario galego e que hoxe aínda segue a ser un gran descoñecido.

'Querida Liberdade' contén, por unha banda, un amplo estudo introdutorio, a cargo de Xurxo Martínez González, que nos mergulla de maneira trepidante nunha época tan apaixonada: con ritmo, estruturado en breves epígrafes e cunha clara vontade didáctica e divulgativa. Tras el, unha completa antoloxía con 45 artigos de Antolín Faraldo.