Estás en:Novas

A voz da mocidade protagoniza o acto de celebración do Día de Europa na Deputación da Coruña

Alumnado da Escola Embaixadora do Parlamento Europeo IES Eusebio da Guarda fixo lectura dun manifesto sobre a Europa que quere para as vindeiras décadas e no que os mozos e mozas resaltaron as ideas da paz, a saúde mental, os dereitos dixitais, o acceso á vivenda e a igualdade e non discriminación

O acto incluíu unha performance artística sobre a unidade de Europa e concluíu cun percorrido do alumnado arredor do edificio con bandeiras da Unión Europea

A voz da mocidade protagoniza o acto de celebración do Día de Europa na Deputación da Coruña

A voz de mocidade foi a protagonista na celebración do Día de Europa organizada polo centro EUROPE DIRECT A Coruña no Pazo provincial da Deputación da Coruña. No declarado ano da xuventude por parte da Comisión Europea, o acto de conmemoración 'A Europa que queremos' centrouse na lectura dun manifesto por parte do alumnado da única Escola Embaixadora do Parlamento Europeo na provincia, o IES Eusebio da Guarda da Coruña, así como dos artigos 2 e 3 do Tratado da Unión Europea.

Os mozos e mozas participantes fixeron un recoñecemento ás oportunidades que brinda a unión de 27 estados de Europa á súa xeración ao tempo que aportaron ideas sobre os camiños nos que a UE debe avanzar nos vindeiros anos. Así, reclamaron unha Europa que loite pola paz, que coide a saúde mental, que protexa os seus dereitos como cidadáns dixitais, que favoreza o acceso á vivenda para a xente nova, que fomente a igualdade e a non discriminación por razón de sexo, procedencia, condición social ou idade e, finalmente, unha Unión Europea que sexa sostible.

A reflexión dos mozos e mozas contou coa resposta da Representación da Comisión Europea en España que fixo chegar as súas impresións sobre o manifesto aos estudantes a través dun vídeo no que participaron outros centros membros das redes de información europea de España e Portugal ao berro de "A Europa que queremos é a vosa Europa". "Resúltanos moi útil coñecer a opinión da mocidade sobre estes temas e por iso vos damos as grazas", trasladou o xefe de comunicación da Representación da Comisión Europea en España.

O manifesto do alumnado foi escoitado tamén polo deputada delegada de Deportes e Mocidade, Cristina Capelán, quen resaltou a relevancia do Ano Europeo da Xuventude como un momento no que alenta á mocidade a facer oír a súa voz. Este ano "pon o foco sobre a importancia da xente nova de Europa para construír un futuro mellor: máis ecolóxico, máis inclusivo e máis dixital".

O acto contou cun acompañamento artístico dende a chegada do alumnado á Deputación da Coruña que tivo o seu prato principal nunha actuación de equilibrios e malabares con aro na recepción do edificio. O espectáculo puxo de relevancia á unidade dos Estados de Europa a través da figura do círculo e as estrelas e a relevancia de manter o equilibrio dunha Europa en movemento, construída sobre os valores da solidariedade, a xustiza e a harmonía na convivencia entre os pobos. O evento rematou cun percorrido do alumnado arredor do edificio con bandeiras da Unión Europea.

Ademais deste acto, o centro EUROPE DIRECT A Coruña programa diversas actividades para a celebración do Día de Europa que se estenderán durante as vindeiras semanas. A exposición itinerante Pacto Verde Europeo percorrerá ata o mes de xullo cinco concellos da provincia e o concurso de fotografía Cidadanía Europea en Galicia abre hoxe a súa participación ata o 9 de xuño. O centro estrea tamén hoxe a ca campaña audiovisual 'EU sei da UE' e o entorno virtual en 3D Estación Verde está dispoñible para o público no enlace www.dacoruna.gal/europedirect/estacionverde. Toda a información sobre as actividades de EUROPE DIRECT A Coruña relacionadas co Día de Europa pode atoparse na páxina web:

https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2022/actividades-de-europe-direct-coruna-con-motivo-de-la-conmemoracion-del-9-de-mayo-dia-de-europa/