Estás en:Novas

A Deputación reforza o firme da DP-8001 en Sobrado cun proxecto valorado en 316.973 euros

As obras executaranse ao longo de tres quilómetros de plataforma e permitirán realizar arranxos localizados e posteriormente dotar á vía dunha capa de mestura asfáltica en quente

Tamén se sinalizará o tramo con pintura acrílica

A Deputación reforza o firme da DP-8001 en Sobrado cun proxecto valorado en 316.973 euros

A Deputación da Coruña destina 316.973 euros ás obras de reforzo e mellora superficial do firme da estrada provincial DP-8001 de Cruces a Penablanca, no Concello de Sobrado.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle hoxe a aprobación do plan de conservación de vías provinciais 2022, segunda fase, na que se enmarca esta actuación. Os traballos permitirán actuar ao longo de tres quilómetros de vía co fin de facer máis segura esta conexión para os vehículos que discorran por ela.

Así pois levaranse a cabo reparacións localizadas e posteriormente dotarase á plataforma dunha capa de mestura asfáltica en quente. Unha vez rematen estes traballos, sinalizarase o tramo de actuación con marcas viarias con pintura acrílica en base acuosa para conformar tanto o eixo como as bandas laterais da estrada.

Co fin de molestar o menos posible, as obras levaranse a cabo primeiro nunha marxe e despois na outra, de modo que poderá manterse sempre en servizo un dos dous carrís. O prazo estimado para executar o proxecto é de dous meses.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, sinalou que a Deputación "continúa coas actuacións de mellora da seguridade na rede de estradas provincial con actuacións que contribúen a contar con mellores firmes para o tránsito de vehículos e tamén con espazos para que as persoas se movan sen riscos".

Pola súa banda, o alcalde de Sobrado, Lisardo Santos, agradeceu o investimento provincial para acondicionar "unha estrada que é moi importante para nós ao conectar diversos núcleos de poboación e que con esta mellora continúa a ser mellorada para ofrecer unha mellor infraestrutura e servizo".

A estrada foi ampliada con anterioridade dos catro aos oito metros de ancho

Este proxecto súmase as tarefas xa levadas a cabo en  2017, ano no que se iniciaron os traballos da obra de ensanche e mellora da estrada entre os quilómetros 0+220 e o 3+000. As medidas permitiron ampliar o ancho da plataforma existente dos catro aos oito metros.

Como consecuencia do paso do tempo e o uso da estrada, moi empregada ao conectar núcleos poboacionais e soportar o tráfico de vehículos pesados na zona, producíronse desperfectos no firme, que conta con fallos estruturais localizados que serán arranxados nesta intervención.