Estás en:Novas

Formoso destaca o crecente liderado feminino no sector público

"Queda camiño por andar, pero o futuro será en feminino", afirma o presidente na clausura dunha xornada sobre o papel das mulleres no sector público

Formoso destaca o crecente liderado feminino no sector público

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, clausurou hoxe a xornada "Liderando en feminino desde o sector público. Estratexias para alcanzar a igualdade real", que reuniu no Pazo de Mariñán (Bergondo) a un centenar de mulleres que destacan polo seu labor en diferentes sectores da administración pública. No acto participou tamén a deputada de Igualdade, María Muíño.

Xuízas e fiscais, médicas, policías, investigadoras ou docentes compartiron ao longo da xornada experiencias persoais e profesionais sobre os avances en igualdade nestes e outros ámbitos do sector público, onde teñen un papel cada vez máis relevante, segundo destacou o presidente.

Formoso apuntou que en sectores como a educación ou a sanidade, a presenza feminina supera amplamente o 70%, mentres hai outros onde aínda as mulleres contan cunha presenza menor, como as forzas armadas ou os corpos de seguridade do Estado.

O presidente agradeceu o traballo das mulleres "que desde ámbitos tan diferentes poñen cada día o seu talento e capacidade ao servizo do conxunto da sociedade galega".

"Queda camiño por andar, pero o futuro será en feminino", apuntou.

A conferencia de clausura desta tarde correu a cargo de Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación da UDC e presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial

Páxinas suxeridas