Estás en:Novas

O FEM 2026 comeza hoxe no Faro Vilán co apoio da Deputación

A deputada de igualdade participou esta mañá na apertura da exposición «Coreografías do facer», que dá comezo á programación do Festival Escena Muller na Costa da Morte.

O festival reúne ata o 8 de novembro propostas de teatro, música, narración oral e obradoiros en Camariñas, Vimianzo e Dumbría, cunha programación que aposta pola descentralización cultural e pola participación de públicos de todas as idades.

O FEM 2026 comeza hoxe no Faro Vilán co apoio da Deputación

O Faro Vilán acolleu esta mañá a inauguración do Festival Escena Muller (FEM) 2026, coa apertura da exposición «Coreografías do facer. O traballo feminino en Gustav Henningsen», nun acto no que participou a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, xunto con representantes municipais de Camariñas, Vimianzo e Dumbría.

A inauguración marca o inicio da programación desta segunda edición do FEM na Costa da Morte, que se desenvolve ata o 8 de novembro nos tres concellos, cunha proposta interdisciplinar que combina artes escénicas, música, narración oral, obradoiros e actividades de mediación cultural arredor da igualdade, os coidados e a memoria das mulleres.

A deputada de Igualdade destacou dous aspectos da iniciativa. Por unha banda, a diversidade de espazos nos que se desenvolven as actividades, tanto pola súa distribución territorial —nos concellos de Camariñas, Vimianzo e Dumbría— como pola variedade dos lugares que as acollen. «As actividades desenvólvense en espazos moi diferentes: desde os máis convencionais, como as casas da cultura e os auditorios, ata museos e outros lugares de paso e encontro, como as prazas, os paseos marítimos ou mesmo os adros», sinalou.

Agra puxo tamén o foco na importancia de achegar a cultura ás novas xeracións. «As propostas non se dirixen unicamente ao público xeral, senón tamén ao público máis novo, levando as artes escénicas aos CEIP e aos IES. A implicación da rapazada axuda a construír un futuro máis concienciado e, ademais, ábrelle a porta a coñecer artistas da súa contorna que poden servir de inspiración para as súas inquedanzas creativas».

A exposición «Coreografías do facer», comisariada por Ana Estévez Lavandeira a partir do arquivo fotográfico e etnográfico de Gustav Henningsen, conservado no Museo do Pobo Galego, recupera e visibiliza o traballo tradicional das mulleres a través dos xestos, os ritmos e as accións cotiás vinculadas aos coidados, aos oficios e á vida comunitaria. O Faro Vilán, un espazo emblemático da Costa da Morte, convértese así nun lugar de encontro entre o patrimonio etnográfico, a paisaxe e a memoria das mulleres do territorio, nunha proposta que conecta a creación cultural coa comunidade e coas súas experiencias.

A programación do FEM busca así ampliar o acceso á cultura, favorecer a participación comunitaria e crear espazos de reflexión compartida sobre a igualdade, desde unha perspectiva que integra a creación contemporánea e a memoria colectiva.

Tres semanas de creación, encontro e reflexión

Tras a inauguración, a programación continuará este mesmo venres, ás 20.00 horas, en Bitácora, no Ézaro (Dumbría), coa proposta «As ben dadas», da actriz e narradora Atenea García.

O sábado 24 de outubro, ás 21.00 horas, a artista presentará «Vicio houbo sempre» na Casa de Man, en Camariñas. O programa incluirá tamén «A historia vaxenial», de Artyc Content, con Raquel Nogueira, en Vimianzo o 31 de outubro; «Chegar e encher», de Bea Campos, en Dumbría o 1 de novembro; e diferentes sesións de narración oral de Soraya Lema en centros educativos e espazos comunitarios.

A creación colectiva terá un papel destacado con «Os fíos da memoria», unha proposta desenvolvida coas mulleres palilleiras de Vimianzo e acompañada pola música en directo de Belém Tajes, prevista para o 7 de novembro. A programación pecharase o día 8 en Camariñas co concerto teatral «Unha señora orquestra», de Torta Torta, con Ailén Kendelman.

O festival incorpora, ademais, o obradoiro «Creando panos», impartido por Noelia Darriba, con sesións nos tres concellos entre o 26 de outubro e o 4 de novembro.