Estás en:Novas

A Deputación investirá 164.306 euros na reparación das estradas de Trazo afectadas polas obras da ponte do rego Gatofero

Valentín González Formoso e Josefina Suárez asinaron un novo convenio, que actualiza o prezo previsto inicialmente para as obras

Actuarase na vía que vai de Ponte Albar a Chaián, ao longo de 2,4 km, e na que conecta o cruzamento de Chaián coa ponte sobre o Río Tambre, nun tramo de 1,3 km

A Deputación investirá 164.306 euros na reparación  das estradas de Trazo afectadas polas obras da ponte do rego Gatofero

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa do Concello de Trazo, Josefina Suárez, asinaron hoxe un novo convenio para financiar a reparación das estradas municipais afectadas polos desvíos de tráfico durante as obras DP-7804 para construír unha ponte sobre o rego Gatofero. Ao acto asistiu tamén o deputado de Patrimonio e Contratación, Xose Lois Penas.

A través deste acordo, a Deputación actualiza de 142.721 a 164.306 euros o investimento necesario para financiar a reparación das vías do concello afectadas polos desvíos de tráfico pesado durante a execución obras de construción da nova ponte sobre o rego Gatofero na DP-7804.

As actuacións levaranse a cabo en dous tramos. O primeiro deles vai de Ponte Albar a Chaián (2,4 quilómetros), un itinerario no que se repararán fochancas e afundimentos ocasionados polo incremento do volume de tráfico neste vial. Tamén se realizará un dobre tratamento superficial en toda a plataforma. Así mesmo, repararase a canalización danada, un tramo de beiravía e, para completar a actuación, instalarase sinalización horizontal e vertical.

Por outra banda, realizaranse tarefas de acondicionamento da vía que conecta o cruzamento de Chaián coa ponte sobre o Río Tambre, ao longo de 1,3 quilómetros. A plataforma, que contaba cun pavimento de mestura bituminosa en quente, será obxecto das tarefas de reparación co fresado e reposición das zonas deterioradas, estendendo finalmente un microaglomerado en frío en todo o seu ancho. Tamén se arranxarán os sumidoiros afundidos polo paso de vehículos pesados sobre eles e o tramo de canalización afectado. Por último, refaranse un pozo e un sumidoiro e instalarase nova sinalización.

Páxinas suxeridas