Estás en:Novas

A Deputación insta á Xunta de Galicia a incrementar a dotación dedicada ás producións ecolóxicas ata acadar os 5,6 millóns de euros necesarios

O pleno provincial aprobou hoxe a moción presentada polos grupos do PSOE e o BNG, que denuncia que esta falta de fondos pode "supoñer o abandono das producións ecolóxicas"

No texto explícase que as trabas administrativas e a falta de fondos ocasionan que o 43% das hectáreas solicitantes non poidan dispoñer destas axudas

A Deputación insta á Xunta de Galicia a incrementar a dotación dedicada ás producións ecolóxicas ata acadar os 5,6 millóns de euros necesarios

A Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia a que incremente a dotación dedicada ás producións ecolóxicas ata acadar os 5,6 millóns necesarios para cubrir as solicitudes presentadas no ano 2022 e garantir as partidas durante o período 2023-2027.

A moción, presentada hoxe no pleno provincial polos grupos do PSOE e BNG, e que contou co voto favorable destes grupos, de Alternativa dos Veciños e Marea Atlántica e en contra do PP.

O texto explica a situación actual das explotacións na comunidade, onde "a Xunta de Galicia, desde a Consellería, promocionou activamente o paso das granxas convencionais a ecolóxicas ata o punto de abrir unha convocatoria durante o ano 2022 que permitiu aumentar en 12.000 as hectáreas de producións, o que precisaría dun orzamento de 5,6 millóns de euros".

Segundo apuntan na moción os grupos asinantes, "a orde de axudas establecía uns criterios de concorrencia competitiva que deixaban fóra por si mesmos a unha boa parte das pequenas explotacións de leite e a pequenos produtores de horta e de carne de vacún, así como tamén a producións de ovino e cabrún ecolóxico".

No texto explícase que "todas esas trabas, sumadas á falta de orzamento, denota unha falta de visión sobre as consecuencias de deixar fóra das axudas ó 43% das hectáreas solicitantes, que doadamente poden supoñer o abandono das producións ecolóxicas, ou incluso tamén na produción convencional pola falta de recoñecemento económico no esforzo feito e pola situación de debilidade económica na que quedan as explotacións".

"A xestión é un auténtico desastre. Quedan fóra a metade das solicitudes", resumiu o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández.

Por outra banda, de cara ao período da PAC 2023-2027, a Deputación denuncia "a ausencia de planificación, que quedou en evidencia co descuberto orzamentario da convocatoria do ano 2022" e demanda "garantías á hora de cumprir coas partidas orzamentarias que se precisan para cubrir a totalidade das hectáreas de produción durante eses anos".

Por todo isto, o pleno da Deputación aprobou instar á Xunta a completar con fondos propios o orzamento de axudas do ano 2022 ata os 5,6 millóns de euros necesarios para cubrir a totalidade das solicitudes presentadas, fornecer economicamente o orzamento destinado para o período 2023-2027, darlle publicidade e transparencia ás decisións adoptadas e a que modifique o Plan de Desenvolvemento Rural para garantir que todas as explotacións se poidan acoller a esta liña de axudas.

Outras mocións

O pleno aprobou tamén, con 16 votos a favor (PSdeG,BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños) e 13 en contra do Partido Popular dúas mocións de Marea Atlántica, a primeira delas instando á Xunta á derogación inmediata do Decreto do Plurilingüismo e a elaboración dunha Lei que garanta especial protección ao galego no ensino e na administración pública e a segunda, emendada por PSdeG e BNG, sobre a denuncia de Adega por eximir a Greeanlia do pago de 11,7 millóns de euros en relación cos parques eólicos de Campelo e Lamas de Feás, instando a Xunta a aclarar os feitos e dar conta ante o Parlamento de Galicia,

O pleno aprobou a moción do PP que demandaba actuacións de mellora na estrada DP 1913 na Laracha, aínda que o portavoz do Goberno apuntou que nao rexistro da Deputación non consta a petición formal por parte do Concello.

Non saíu adiante a moción do PP que propoñía o cese da ministra e a secretaria de Estado de Igualdade, que só contou cos votos favorables do PP, tras rexeitar distintas emendas ao texto. Os portavoces distintos grupos reprocharon que o Partido Popular esixa o cese da ministra antes do cambio da lei.

O pleno aprobou tamén a moción de Alternativa dos Veciños, emendada por PSdeG e BNG, sobre a venda da parcela do parque de bombeiros comarcal no polígono de Sabón. O texto insta ao Consorcio Provincial de Bombeiros, como propietario do citado parque, "analice a situación e adopte as medidas que no seu caso procedan".