Estás en:Novas

O éxito de público avala a volta do Festival Rosalía e a vixencia do “galego como o noso superpoder”

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, salientou durante a apertura da segunda xornada do Festival que "esta boa acollida vén demostrar a importancia de apostar, divulgar e crear no noso idioma e de ter un compromiso activo desde todas as administracións"

Na apertura institucional participaron, ademais de María Muíño, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e membros das corporacións provinciais e municipais como o deputado Xosé Lois Penas e as concelleiras Goretti Sanmartín e Branca Novoneyra

O éxito de público avala a volta do Festival Rosalía e a vixencia do “galego como o noso superpoder”

O éxito de público, con cheo absoluto en todas as actividades celebradas durante a tarde de onte, dá mostra do éxito co que o Festival Rosalía volve ás rúas de Compostela. Trátase dunha iniciativa que, ao longo xa de cinco edicións, vén poñendo en marcha a Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago de Compostela.

A gran participación nas actividades do Festival centrou as intervencións institucionais durante a apertura da xornada deste sábado. Neste sentido, a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño asegurou que "esta boa acollida vén demostrar a importancia de apostar, divulgar e crear no noso idioma e de ter un compromiso activo desde todas as administracións". Convén lembrar que o lema desta edición é "o galego é o noso superpoder" na liña da filosofía, segundo explicou María Muíño "de celebrar e compartir o noso máximo referente a nivel mundial, que é Rosalía, e a defensa que ela mesmo fixo do noso idioma".

A concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, puxo en valor a colaboración entre Deputación e Concello e asegurou que "logo de dous anos sen este Festival tan imprescindible, é emocionante ver como volve con tanta participación, o que significa que a nosa poeta nacional está máis viva ca nunca e que é máis moderna ca nunca", en referencia aos postos do Mercado Rosaliano, que ofertan produtos con "marca Rosalía". Pola súa banda, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, asegurou que á imaxe da poeta "vai asociada a celebración non só da creatividade máis actual, senón tamén aos valores que ela representa, que son a liberdade, a igualdade a dignidade do noso idioma e da nosa nación que sempre nos acompañará como humanos e como galegos". "Cando celebramos a Rosalía, celebramos o proxecto que ela abandeira, que continúa vivo" afirmou.

Ademais de María Muíño, Mercedes Rosón e Anxo Angueira, na apertura institucional da segunda xornada do Festival Rosalía tamén estiveron presentes o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, as concelleiras de Compostela, Goretti Sanmartín e Branca Novoneyra, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e a deputada no Parlamento galego, Mercedes Queixas.

A programación desta quinta edición do Festival Rosalía inclúe propostas escénicas, música, faladoiros e unha ruta literaria (que tivo lugar na tarde de onte), sendo a Praza de Cervantes o espazo central, mentres que tres actividades terán lugar no Colexio Maior de Santo Agostiño, no SCS Maruxa e Coralia e no Teatro Principal .

Fotos: Xaime Fandiño