Estás en:Novas

“É por ser muller”, lema da campaña da Deputación neste 8M para denunciar a precarización do ‘traballo reprodutivo’

Trátase dunha campaña que se expande ao longo do tempo, durante os meses de marzo e abril, e ao largo do territorio, con palestras, mesas de diálogo e espectáculos musicais na Coruña, Cambre, Betanzos, Ordes, Arzúa, Oroso, Carballo, Cabanas e Zas

O acto institucional terá lugar o propio 8 de marzo no vestíbulo da Deputación, coa participación de membros da corporación provincial, e a música reivindicativa de 'Fillas de Casandra'

“É por ser muller”, lema da campaña da Deputación neste 8M para denunciar a precarización do ‘traballo reprodutivo’

"É por ser muller", isto é, pola condición de xénero, que as mulleres se están a facer cargo do 'traballo reprodutivo' desde un sentido amplo, que engloba o conxunto de traballos que sosteñen a vida diaria da sociedade: o traballo doméstico, mais tamén os servizos públicos de saúde, de educación, da dependencia, do socio-comunitario, da igualdade ou do acceso á vivenda. Traballos precarizados ou non remunerados e que constitúen unha das grandes fendas de desigualdade por causa de xénero, segundo cifras que nos últimos anos achegan diversas fontes.

Seguir denunciando, máis tamén reflexionando e creando espazos de debate e diálogo ao redor desta cuestión, é o obxectivo da campaña "É por ser muller" que pon en marcha neste 8M a área de Igualdade da Deputación da Coruña, que xestiona a deputada María Muíño. Trátase dunha programación que botará a andar o propio mércores 8 de marzo, Día da Muller, no vestíbulo do edificio da Deputación na Coruña, nun acto institucional no que participarán membros da corporación provincial e cunha actuación do grupo musical "Fillas de Casandra" cos seus temas reivindicativos.

Mais a programación do 8M da Deputación, como xa vén sen tradición nos últimos anos, é un programa que se expande ao longo do tempo, durante os meses de marzo e abril, e ao largo do territorio. Así, continuará con palestras, mesas de diálogo e espectáculos musicais na Coruña, Cambre, Betanzos, Ordes, Arzúa, Oroso, Carballo, Cabanas e Zas.

Venres 10 na AC Alexandre Bóveda
A primeira da citas desta programación expandida terá lugar na tarde do venres10 de marzo, das 16h ata as 19:30h, nas instalacións da AC Alexandre Bóveda.

A primeira das actividades leva por título "Voces sobre o marco estrutural do mundo do traballo desde unha perspectiva feminista", e nela participarán Laura Bugalho, especialista en intervención socioeducativa, sindicalista e activista trans feminista; Antía Pérez Caramés, profesora doutora en socioloxía na Udc, e estará moderada por Ana Lorenzo, socióloga e vinculada á economía social e alternativa desde a década de 1990.

Continuará cunha "conversa para dar voz á situación dos dereitos laborais en sectores feminizados", encabezada por Marisol Gómez do SAF de Vilagarcía e por Ángeles Mille, secretaria da Asociación de Redeiras Profesionais O Fieital de Malpica representando a ANMUPESCA. Como moderadora intervirá Mariola Mourelo.

E rematará co espectáculo "O benquererse", a cargo de AldaoLado, no que Lucía Aldao e María Lado abordan os temas dos coidados e a precariedade a través das súas propias vivencias persoais. Como vén sendo habitual nas súas propostas, mesturan poemas, música e historias para facer visibles as desigualdades que as mulleres seguen atopando na vida pública e privada. Botando man do humor, falan do patriarcado, do feminismo, da discriminación de xénero, do concepto do amor romántico, do amor a unha mesma.