Estás en:Novas

Cincuenta e dúas entidades da provincia concorren aos Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais da Deputación

O acto de entrega de premios, aberto ao público, terá lugar o xoves ás 19 horas no IES Rosalía Mera da Coruña

Os galardóns, que este ano incrementan a súa dotación económica ata os 40.000 euros, recoñecen a labor das asociacións sociais

Cincuenta e dúas entidades da provincia concorren aos Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais da Deputación

O IES Rosalía Mera da Coruña acolle este xoves, 9 de marzo, a partir das 19.00 horas, o acto de entrega do II Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais da Deputación da Coruña, un recoñecemento ás entidades que traballan no eido social e na protección dos colectivos máis vulnerables na provincia.

"Queremos que estes premios sexan un recoñecemento a todas aquelas entidades e persoas que cada día contribúen a mellorar a vida das persoas máis desfavorecidas, que traballan para construír unha sociedade mellor", afirmou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que destacou "o labor fundamental" que prestan as entidades neste ámbito".

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, destacou que nesta segunda edición increméntase o número e a contía dos premios, pasando de 3 premios de 5.000 euros a catro premios de 10.000 euros cada un.

"Desde a Deputación apoiamos o traballo de máis de 200 entidades sociais cada ano, estamos en permanente contacto con elas e coñecemos o importante traballo que desenvolven. Estes premios pretenden axudar a visibilizar ese traballo que mellora a vida diaria de miles de persoas e das súas familias".

52 entidades optan aos galardóns

Optan aos premios 52 entidades de toda a provincia, que desenvolven a súa actividade en áreas como atención á infancia e mocidade; persoas con diversidade funcional; persoas maiores; minorías étnicas e inmigración; apoio a persoas con drogodependencias e outros trastornos aditivos; ou a persoas situación ou risco de exclusión social.

O fallo do xurado darase a coñecer durante o acto de entrega dos premios, que estará conducido pola xornalista de Radio Coruña SER, Isabel Bravo, e contará coa actuación musical de Adhara & Ritman. As figuras dos galardóns foron elaboradas polo obradoiro keramicos de APEM.

A Deputación outorgará catro premios, figuras elaboradas polo obradoiro Keramicos de APEM Coruña e 10.000 euros en metálico para cada entidade premiada (40.000 en total); tres deles aos mellores proxectos exemplo de boas prácticas no eido social e un premio á traxectoria dunha entidade que destaque pola súa implicación na mellora da vida das persoas.

Na primeira edición deste certame, as entidades premiadas foron ASPACE (Sada), Nuestra Señora de Chamorro (Ferrol) e UTACA (A Coruña).