Estás en:Novas

Volve a danza contemporánea á Costa da Morte co proxecto ESCORA

O programa comezará o venres 9 de xuño en Carnota e continuará o día 10 en Mazaricos, o 16 en Ponteceso, o 17 en Camelle, e rematará o 18 en Carballo

A segunda edición do programa ESCORA inclúe unha residencia artística, varios obradoiros e accións de mediación con colectivos dos cinco concellos, como a Escola Municipal de Danza de Ponteceso ou asociacións como a de Redeiras Illa da Estrela de Corme, a de Amas de Casa de Mazaricos ou Canle de Lira

Volve a danza contemporánea á Costa da Morte co proxecto ESCORA

A área de Cultura da Deputación da Coruña, xestionada polo deputado Xurxo Couto, pon en marcha a segunda edición do proxecto ESCORA que, durante as dúas primeiras fins de semana de xuño, achegará a danza contemporánea aos concellos de Carnota, Mazaricos, Ponteceso, Camariñas e Carballo.

Ao igual que na anterior edición, ESCORA permitirá que a veciñanza da Costa da Morte poida gozar do traballo de varias compañías galegas de danza contemporánea en espazos públicos, mais nesta segunda edición o programa de actuacións compleméntase cun traballo de mediación con diferentes colectivos e asociacións locais que xa leva realizándose ao longo dos últimos meses e que permitirá que centros de ensino, entidades locais e asociacións formen parte do programa de actividades.

O programa de actuacións por parte de compañías profesionais comezará en Carnota o venres 9 de xuño, continuará o sábado 10 en Mazaricos, o venres 16 en Ponteceso, o sábado 17 en Camelle, Camariñas, e rematará o domingo 18 en Carballo.

Ao igual que na anterior edición, os espazos escollidos volven ser non convencionais, priorizando o espazo público sempre que a metereoloxía o permita, co obxectivo de achegar a danza contemporánea a todo tipo de públicos, de xeito natural e sen prexuízos.

Os espectáculos correrán a cargo das compañías e artistas La Macana, Pisando Ovos, Paula Quintas, Cía. Exire, La Guajira, Furia Sotelo e Daniel Rodríguez.

Mediación coa poboación local

Nos últimos meses, o equipo de coordinación e comisariado do proxecto ESCORA, estivo realizando un traballo de mediación coa poboación nos territorios que forman parte do programa co obxectivo de coñecer en primeira persoa aos colectivos que conforman a vida cultural de cada lugar. Foi un proceso de mapeado e identificación de axentes que, máis alá das administracións públicas, dinamizan o contexto e participan activamente da vida sociocultural de cada un destes concellos.

Camelle (Camariñas). No concello de Camariñas traballouse coa parroquia de Camelle como territorio de acollida para esta edición. A escolla está en relación coa ampla presenza de asociacións e colectivos desta parroquia que se atopan activos traballando para e co territorio, nomeadamente a través de proxectos como A Casa no Alto, Mar de Fábula, Asociación de Naufraxios Galegos e Asociación Folja da Faneca.

Carballo. Este concello conta, desde fai máis de vinte anos, cunha programación regular de danza baixo o título Primavera en Danza: un festival referente en Galiza que ofrece un amplo programa con compañías de danza galegas e estatais. Neste concello o traballo de mediación realizouse coa comunidade vinculada á música e á danza tradicional, coñecendo ás asociacións Arume, Nemeth, Escola do Alprende de Oza e San Campio de Cances.

Carnota. A mediación en Carnota centrouse especialmente nas parroquias de Pindo e Lira, ambas con importante actividade cultural dinamizada principalmente polas Asociacións Pedramar e Canle de Lira respectivamente. A primeira conta cun grupo de teatro que utiliza o humor como ferramenta de reivindación social; mentres que a segunda é un dos colectivos históricos referentes na contorna, con máis de 30 anos de actividade, e que realiza accións diversas, de carácter cultural e deportivo para a veciñanza. En Carnota tamén se traballará co alumnado de 2º e 3º da ESO do I.E.S. Lamas do Castelo, para poñer en movemento á veciñanza mais nova.

Mazaricos. A experiencia en Mazaricos estivo vinculada con dous colectivos que traballan de xeito conxunto para mellorar o seu contexto sociocultural. Por unha banda, a Asociación Cultural Abubela, capitaneada por un grupo de mulleres novas do territorio, e por outro, a Asociación de Amas de Casa de Mazaricos, unha asociación moi lonxeva e referente na zona que impulsa diversas actividades para cativada e maiores. O proxecto tamén visitará o C.P.I. Plurilingüe da Picota, e traballará co alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria.

Ponteceso. En Ponteceso sitúase a única Escola Municipal de Danza de toda a Costa da Morte, polo tanto era imprescindible para este proxecto vincularse coa única oportunidade de formación en danza, da institución pública, que existe no territorio. Esta escola acolle alumnado de diferentes concellos da contorna e traballa especialmente a danza clásica. Tamén se traballou coa Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, un colectivo de mulleres traballadoras cunha importante reivindicación profesional e unha innovadora aproximación ao traballo.