Estás en:Novas

A experiencia virtual Espazo Europa de EUROPE DIRECT A Coruña, exemplo de boas prácticas na reunión anual de centros EUROPE DIRECT España

Esta ferramenta permite ao público poñer a proba os seus coñecementos sobre a UE nun espazo virtual innovador no que se mesturan as realidades 3D e 4D

O centro presentará esta acción na reunión anual de EUROPE DIRECT que se celebra en Madrid entre o 14 e o 15 de xuño por selección da Representación da Comisión Europea en España

O encontro fomenta a colaboración en rede, o intercambio de experiencias de éxito e a difusión á cidadanía da presidencia española do Consello da Unión Europea e as eleccións ao Parlamento Europeo de 2024

A experiencia virtual Espazo Europa de EUROPE DIRECT A Coruña, exemplo de boas prácticas na reunión anual de centros EUROPE DIRECT  España

A responsable do punto de información de EUROPE DIRECT A Coruña-Deputación da Coruña participa na Reunión Anual da rede EUROPE DIRECT que se celebra en Madrid os días 14 e 15 de xuño e na que o centro presenta a a experiencia virtual Espazo Europa como exemplo de boas prácticas. O encontro está organizado pola Representación da Comisión Europea en España e nel participan representantes dos 36 centros Europe Direct da rede española.

Espazo Europa é unha experiencia interactiva 3D na que os usuarios poden explorar os símbolos e valores da Unión Europea, así como a importancia da cultura e a ciencia. Ofrece unha experiencia de xogo, inmersiva, innovadora e autónoma para o público, que pode visitar un moderno edificio hiperrealista, inspirado na arquitectura da Europa do futuro, e pasear virtualmente polas catro salas do espazo. Cada unha delas está adicada a unha temática: os símbolos, os valores, a cultura e a ciencia na Unión Europea. Pódese acceder dende o enderezo: https://www.dacoruna.gal/europedirect/espazoeuropa

A contorna virtual está deseñada cunha mistura de tecnoloxías innovadoras 3D e 4D. Así, o escenario foi creado dixitalmente para recrear un edificio en tres dimensións e inspirado na Nova Bauhaus Europea, as directrices da Unión Europea para que os espazos de vida e sociais se baseen nos valores de sostibilidade, estética e inclusión.

Neste espazo 3D atopamos a unha persoa real, unha guía gravada en catro dimensións (4D), que dá a benvida ao visitante e presenta cada unha das salas expositivas. Esta personaxe foi gravada nun plató virtual que permite a interacción das persoas con contornas que foron creadas de maneira dixital e en tres dimensións. Esta tecnoloxía permite recrear a sensación de que a presentadora se atopa fisicamente en Espazo Europa e que pode moverse dentro del e interactuar cos seus elementos.

Espazo Europa é libremente transitable para os visitantes, que terán autonomía para desprazarse, explorar, facer zoom ou rotar a posición. Ademais, é accesible desde todo tipo de dispositivos dixitais.
Reunión anual.

Os centros EUROPE DIRECT son puntos de contacto local que achegan ao público as políticas e valores da Unión Europea. A rede ofrece información sobre asuntos europeos, pero tamén fomenta a participación cidadá contribuíndo así á creación dunha esfera pública europea.

Durante as sesións de traballo está previsto facer balance das actividades desenvolvidas no primeiro semestre de 2023 e preparar os temas prioritarios para o ano 2024. Así, haberá sesións específicas sobre a presidencia española do Consello da Unión Europea durante o segundo semestre de 2023 e sobre as eleccións europeas previstas para o mes de xuño de 2024.
Tamén se tratará o Ano Europeo das Competencias que se celebra durante este 2023, os fondos europeos Next GenerationEU e se traballará con redes nacionais de información europea como poden ser o SEPIE, Naric ou Euroguidance.

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.