Estás en:Novas

Conclúe o primeiro Encuentro ClubUE, un intercambio de experiencias e formación no que participaron mozos e mozas dos ClubUE de Asturias e A Coruña

As persoas participantes potenciaron as súas competencias en comunicación, traballo en equipo e resolución creativa de problemas, así como as habilidades para a busca de emprego na UE e o deseño de proxectos europeos

Conclúe o primeiro Encuentro ClubUE, un intercambio de experiencias e formación no que participaron mozos e mozas dos ClubUE de Asturias e A Coruña

A primeira edición do Encuentro ClubUE finalizou esta tarde no Pazo de Mariñán despois de tres xornadas de formación e intercambio nas que participaron 16 mozos e mozas dos ClubUE de EUROPE DIRECT A Coruña e EUROPE DIRECT Asturias.

Durante o encontro, as persoas participantes puideron desenvolver competencias non formais como a comunicación, o traballo en equipo e a resolución creativa de problemas, aprender e debater sobre temas de actualidade como a Intelixencia Artificial, e potenciar outras habilidades, como son a busca de emprego dentro da Unión Europea ou o deseño de proxectos europeos relacionados coa xuventude.

Esta iniciativa dos centros EUROPE DIRECT A Coruña, pertencente á Deputación da Coruña, e EUROPE DIRECT Asturias, da Federación Asturiana de Concejos, pretende potenciar as competencias brandas da mocidade e incidir na súa relevancia na formación nun ano, o 2023, que foi designado pola Unión Europe como Ano Europeo das Competencias.

Na experiencia tivo tamén cabida o tempo para o intercambio e descuberta a través da historia en primeira persoa de moitas oportunidades europeas para a mocidade no campo do voluntariado, a participación ou o emprendemento. O programa incluíu tamén actividades de ocio como o espectáculo A Maxia de Europa ou unha visita guiada á cidade da Coruña.

O ClubUE é un espazo virtual pensado para achegar a mozos e mozas as oportunidades que existen dentro da UE e que foi creado por EUROPE DIRECT A Coruña en decembro de 2020. EUROPE DIRECT Asturias replicou esta iniciativa no seu territorio en outubro de 2022 e ambos centros teñen colaborado xa en varias actividades que inciden no intercambio de experiencias e creación de rede entre xente moza das dúas zonas. Hai máis información dispoñible na páxina web: https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2023/encuentroclubue/

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.