Estás en:Novas

Os produtores locais salientan o éxito comercial da súa participación no Fórum Gastronómic de Barcelona

O stand da área de turismo da Deputación acolleu a mostra de diferentes produtores locais: A Conserveira, a Despensa D´Lujo, Bonilla a la vista, Costumes Galicia, Queixo Galmesán e Choiva Viños

A esta exposición permanente, sumáronse outras actividades como showcookings, catas, charlas e ata a elaboración do ritual da queimada

Os produtores locais salientan o éxito comercial da súa participación no Fórum Gastronómic de Barcelona

Remata o Fórum Gastronómic de Barcelona con moi bo sabor de boca para produtores locais, cociñeiros, e profesionais que formaron parte do stand da Deputación da Coruña durante as tres xornadas que durou a cita gastronómica. Tamén para a entidade provincial, que un ano máis encheu de xente as súas actividades "que sorprenderon e conquistaron a un público moi esixente", sinala o vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira.

Os representantes dos produtos locais de 'A provincia que sabe' coincidiron en salientar as oportunidades comerciais xurdidas neste espazo, que lles brindaron contactos con distribuidores, xornalistas e un público profesional moi especializado. Tamén resaltaron os bos resultados das sinerxias establecidas entre eles baixo o amparo insitucional da Deputación da Coruña, que lles permitiron aumentar a visibilidade das súas marcas e unir forzas para dar a coñecer no seu conxunto os diferentes produtos "que saben".

Dende a Deputación destacan a calidade destes produtos como clave do seu éxito, "nun contexto de moi alto nivel cun público que busca innovación, sustentabilidade e autenticidade" apunta Regueira. Éxito que tamén se reflexou nas actividades que se desenvolveron, "con pases repletos de xente que quería ver as propostas", como foi o caso dos showcookings, ou a queimada. "A excelencia da nosa horta e do noso mar xa está contrastada, e aínda así somos quen de seguir sorprendendo a un público que espera o mellor" engade. Sobresae tamén o éxito dos vermús que se exhibiron, "impresionou moito xa que é unha bebida que non se vincula a Galicia nin á Coruña".

Ademais dos produtos agroalimentarios, a Deputación exhibiu no escaparate internacional que supón o Fórum Gastronómic de Barcelona a cociña de chefs de catro xeodestinos da provincia (Ría de Muros – Noia; Costa da Morte; Ferrolterra e As Mariñas). Foi o caso de Pepe Senande de "A muradana de Muros"; Fernando Rodríguez e Eva Mª Guzmán, de "O Secadeiro de Outes"; Adrián Loureiro e Alberto Cuenca, de "Furna Atlántica" de Caión (Laracha); Silvia Facal, de "Balarés" (Ponteceso); Adrián Pérez, de "Sinxelo de Ferrol", e Lolo Mosteiro e Paula Martínez, de "A Artesa da Moza Crecha" (Betanzos).

Produtos locais e de kilómetro cero, cociñeiros e outros profesionais protagonizaron a programación da Deputación nesta edición do Fórum Gastronómic de Barcelona, demostrando con numerosos contactos comerciais establecidos e actividades repletas de público o bo facer e o bo saber da provincia da Coruña.