Estás en:Novas

Conta atrás para o II Congreso de contratación pública, que ten lugar no Teatro Colón o 1 e o 2 de abril

Organizado pola área de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña, o congreso reunirá a profesionais de primeiro nivel, tanto do sector público como do privado

"O obxectivo destas xornadas é promover unha contratación pública máis áxil e eficaz; máis achegada á cidadanía" apunta o deputado Xosé L. Penas

Conta atrás para o II Congreso de contratación pública, que ten lugar no Teatro Colón o 1 e o 2 de abril

O Teatro Colón acollerá o 1 e o 2 de abril o "II Congreso de contratación pública; por unha contratación máis áxil, eficaz, en igualdade e sostible", organizado pola Deputación da Coruña, "co obxectivo de promover unha contratación pública máis áxil e eficaz, mais achegada á cidadanía", apuntou o deputado, Xosé Lois Penas, "nunhas xornadas que reúnen a profesionais de referencia, tanto do sector público como do privado".

Dirixido polo deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xosé Lois Penas, e coordinado polo xefe do Servizo de Patrimonio e Contratación, Luis Jaime Rodríguez Fernández, este congreso servirá de punto de encontro entre administracións públicas, o tecido empresarial e social e a cidadanía. "A colaboración público privada é fundamental para calquera sociedade, e por iso nos empezamos en que todos os axentes formen parte deste congreso", sinala Penas, "tendo en conta tamén, por suposto, o aspecto social da contratación pública".

Neste sentido, a igualdade será un eixo transversal na programación de todo o congreso, que abordará tamén outras temáticas como o medioambiente, a diversidade funcional e o urbanismo social, e que contará tamén coa participación de centros especiais de emprego e entidades do terceiro sector. "A contratación pública debe ter en conta ao conxunto da sociedade e aplicar políticas transversais que promovan a igualdade en tódolos sentidos, e tamén outras cuestións sociais como o respecto medioambiental".

Ademais, o día 1 de abril ás 19:30 h haberá un concerto de piano e violonchelo aberto ao todo o público, da man de KEILIN & VILARIÑO.

O "II Congreso de contratación pública; por unha contratación máis áxil, eficaz, en igualdade e sostible" aspira a ser "o mellor congreso de contratación de todo o Estado deste ano", afirmou o deputado, e tratará, en definitiva, de "permitir que as empresas sexan o motor da economía da provincia, ofrecéndolles as ferramentas adecuadas e implementando unhas políticas públicas máis áxiles, sociais, dinámicas e igualitarias en todos os procesos".

A programación completa do congreso pode consultarse neste enlace.