O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas, visita as instalacións da Federación Galega da Construción en Santiago de Compostela
A visita enmárcase na colaboración establecida entre ambas institucións para o desenvolvemento de estudos específicos sobre a industria da construción en Galicia
Penas destacou "a importancia desta colaboración para dispoñer de datos rigorosos e actualizados sobre o sector da construción galego, o que nos permitirá tomar decisións máis informadas e apoiar mellor o desenvolvemento económico da nosa provincia"

O deputado de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña, Xosé Penas Corral, realizou unha visita institucional ás instalacións da sede da Federación Galega da Construción (FGC) en Santiago de Compostela, no marco da colaboración establecida entre ambas institucións para o desenvolvemento de estudos específicos sobre a industria da construción en Galicia.
Obxecto da colaboración
A visita enmárcase na recente formalización dun contrato de colaboración técnica entre a Deputación provincial e a FGC, polo cal esta última elaborará informes especializados sobre a licitación e adxudicación de obra pública en Galicia durante o período 2025-2026.
Esta colaboración, que conta cun investimento de 6.000 euros por parte da Deputación, permitirá dispor de información detallada e análises específicas que promovan o coñecemento do desenvolvemento e evolución da industria da construción na Comunidade Autónoma de Galicia.
O acordo contempla a elaboración de:
• 12 informes mensuais de licitación de obra pública en Galicia, que cubrirán desde maio de 2025 ata abril de 2026
• 1 informe anual de adxudicación de obra pública en Galicia correspondente ao exercicio 2025
• 3 informes específicos adicionais a demanda da Deputación, adaptados ás necesidades particulares que poidan xurdir
Durante a visita, o deputado Xosé Penas destacou "a importancia desta colaboración para dispoñer de datos rigorosos e actualizados sobre o sector da construción galego, o que nos permitirá tomar decisións máis informadas e apoiar mellor o desenvolvemento económico da nosa provincia".
Valor estratéxico
Esta iniciativa responde ao compromiso da Deputación da Coruña de promover o coñecemento sectorial e apoiar a toma de decisións baseada en datos contrastados. Os informes elaborados servirán como ferramenta de análise para identificar tendencias, oportunidades e retos no ámbito da obra pública galega.