A Deputación analiza o papel fundamental da contratación pública na dinamización da economía
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, salienta os avances realizados por parte da institución provincial en cuestións como a introdución de cláusulas sociais tanto en obras como no PEL, ou o investimento histórico que se realiza a través do Plan Único con 578 millóns de euros e 3.323 obras na provincia desde 2017
O deputado de Contratación, Xosé Lois Penas, fai fincapé na necesidade de incrementar a participación das Pemes que, actualmente, apenas levan o 35% dos contratos públicos pero supoñen preto do 70% do emprego total e un 60% do valor engadido bruto estatal
Durante o día de hoxe está a ter lugar no Teatro Colón a xornada "A importancia da contratación pública como motor da economía", organizada pola Deputación e na que participan ao redor de 250 persoas de disciplinas moi diversas relacionadas coas administracións públicas, co ámbito empresarial, e mesmo estudantado que está a preparar oposicións.
A xornada foi inaugurada polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, quen puxo o foco durante a súa intervención na necesidade deste foro de reflexión atendendo a que a contratación pública representa ao redor do 20% do PIB estatal e europeo, co que isto representa tanto para a dinamización da economía como para a creación de emprego. Formoso mencionou varios exemplos deste papel activo que a contratación pública supón para o territorio lembrando que "a través do Plan Único estamos a acadar un investimento histórico que chega aos 578 millóns de euros e a 3.323 obras na provincia desde 2017, e por cada millón de euros investido, o sector da construción xera 18 empregos".
Convén lembrar que a xornada se concibe coa filosofía de analizar a Lei de contratos do sector público toda vez que xa transcorreron 5 anos desde a súa entrada en vigor. Neste sentido, Valentín González Formoso indicou que, precisamente durante o presente mandato, na institución provincial "xa aplicamos cláusulas sociais na contratación, tanto en obras como no PEL, e estamos xa coa mirada posta na implementación de cláusulas demográficas que axuden a xerar emprego e oportunidades no rural".
O deputado de Contratación, Xosé Lois Penas, encargado da dirección da xornada, asegura que un dos obxectivos do seu departamento é o de "rebaixar as cargas administrativas e simplificar os criterios de adxudicación para incrementar a participación das Pemes, sempre no marco da concorrencia competitiva". O deputado basea este obxectivo en que "as Pemes apenas levan o 35% dos contratos públicos pero supoñen preto do 70% do emprego total e un 60% do valor engadido bruto estatal".
Xosé Lois Penas tamén insiste na necesidade de "pensar na contratación pública de forma estratéxica para que a economía circule, sen obviar criterios que demanda a sociedade actual, como son os aspectos sociais, de igualdade e medioambientais, e no marco concreto dos criterios sociais prestando especial atención á creación de emprego de calidade".
Panel de expertos a nivel galego e estatal
Expertos en contratación pública a nivel estatal e galego conforman o panel de relatores e relatoras que ao longo de toda a xornada están a participar nas tres mesas redondas e cinco conferencias dun programa coordinado por Luis Jaime Rodríguez Fernández.
Tras a inauguración por parte do presidente da Deputación, tivo lugar o primeiro relatorio baixo a epígrafe "Reflexións tras cinco anos da Lei de contratos do sector público", a cargo de Santiago González-Varas Ibáñez, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Alicante; seguido de "Unha contratación xusta para un emprego de calidade", a cargo de Diego Vázquez Reino, presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO).
A primeira mesa redonda da mañá levaba por título "Como facilitar a participación das pequenas e medianas empresas na contratación pública. A revisión excepcional de prezos" na que participaron María Reigosa Castro, vogal da Xunta Reitora do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia; Marcial Rodríguez Toajas, interventor adxunto da Deputación da Coruña; Patricia Sabín Díaz, profesora titular de proxectos arquitectónicos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña; e Marcos Vázquez Zas, empresario.
Na seguinte mesa redonda "O camiño dunha maior implicación da contratación pública estratéxica. Medidas sociais, éticas e ambientais", participaron Elena Barba Pan, secretaria da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa de Galicia; Concepción Campos Acuña, secretaria de Administración local, codirectora da cátedra de Bo Goberno Local na Universidade de Vigo; e Teresa Medina Arnáiz, profesora titular de Dereito Administrativo da Universidade de Burgos.
A terceira mesa redonda da xornada matina versou sobre "Os fondos NextGeneration. A xestión contractual e a prevención da fraude e da corrupción na Administración local", abordada por Patricia Iglesias Rey, letrada do Consello de Contas de Galicia; Simón Rego Vilar, conselleiro do Consello de Contas de Galicia; Luís Jaime Rodríguez Fernández, xefe do Servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña; e Juan Bautista Suárez Ramos, interventor adxunto da Deputación.
A sesión da tarde comezará analizando "Como mellorar a contratación pública: dixitalización, datos e intelixencia artificial", a cargo de Manuel J. García Rodríguez, doutor investigador da Universidade de Oviedo/NTT Data; continuará con "A experiencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia e as entidades locais", a cargo de Tomás Otero Ferreiro, presidente do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia; e rematará con «Aspectos máis importantes da estratexia estatal de contratación pública", a cargo de María Luisa Araújo Chamorro, presidenta da Oficina Independente de Regulación e Supervisión da Contratación (OIRESCON). A clausura correrá a cargo do deputado de Contratación, Xosé Lois Penas Corral.