Estás en:Novas

Rosa Ana García destaca a aposta da Deputación polo audiovisual na presentación do Congreso Internacional de Animación que organiza Mundos Digitales na Coruña

O evento, que reunirá a persoal e empresas especializadas do sector audiovisual, terá lugar do 4 ao 6 de xullo en Palexco

A deputada de emprego destacou os proxectos que a Deputación está a desenvolver neste sector: o Coruña Estudo Inmersivo e o Ames AV LAB

Rosa Ana García destaca a aposta da Deputación polo audiovisual na presentación do Congreso Internacional de Animación que organiza Mundos Digitales na Coruña

A deputada provincial da área de Emprego, Rosa Ana García, participou hoxe na presentación do XXII Congreso internacional de animación, efectos visuais e novos media impulsado pola empresa Mundos Digitales Transmedia, xunto con Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña; Gonzalo Castro, Concelleiro de Fomento e Promoción no Concello da Coruña; Jacobo Sutil director de AGADIC, e Manuel Meijide, director de Mundos Digitales.

Este evento, único en España, terá lugar do 4 ao 6 de xullo en Palexco e xirará en torno a un programa de conferencias impartidas por especialistas de diferentes empresas do sector audiovisual.

Rosa Ana García destacou a importancia do sector audiovisual para a nosa comunidade e fixo fincapé nos dous grandes proxectos que a Deputación está a impulsar neste eido: o Coruña Estudo Inmersivo e o Ames LAB.

Coruña Estudo Inmersivo (CEI), impulsado pola Deputación, é un plató de 750 m2, que converterase nun dos maiores centros de produción cinematográfica virtual en tempo real VPxR de España, o que situará ao sector virtual galego na vangarda nacional e internacional e que permitirá potenciar o nivel competitivo das empresas do audiovisual galego, á vez que servirá para atraer empresas e talento á nosa provincia.

Este proxecto supón un investimento de 6,7 millóns de euros, dos que 5 millóns están financiados con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España a través dos Fondos Next Generation e 1,7 millóns de euros con fondos propios da Deputación. Ademais conta coa colaboración de diferentes entidades chave para o sector audiovisual e TIC, como son o Clúster Audiovisual de Galicia, Clúster TIC , a Universidade da Coruña e o Concello da Coruña. "É un claro exemplo de cando as diferentes administracións amosan a súa colaboración, os proxectos saen adiante", destacou Rosa Ana García.

Coa elección da Cidade das TIC como emprazamento pretende crear sinerxias co sector tecnolóxico das entidades e empresas que alí se instalen. O estudo virtual permitirá crear contidos inmersivos para producións de ficción, realidade virtual e aumentada, que son de aplicación no campo cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos.

Ademais apuntou que o proxecto suporá o posicionamento estratéxico de Galicia dentro del Plan España, Hub audiovisual de Europa dotado con más de 1.600 millóns de orzamento ata 2025. A través deste programa preténdese transformar o ecosistema audiovisual do país, e impulsar a súa internacionalización e competencia nos mercados internacionais.

Por outra banda, a deputada destacou a posta en marcha dun laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual en colaboración co o Concello de Ames. O Ames LAB, concíbese como un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais, que está a impulsar novas empresas na súa produción, o fomento do talento emerxente e a dinamización do importante tecido produtivo do sector audiovisual dende o coworking A Proa (Ames), espazo integrante da Rede Provincial de Coworking. A Deputación cofinancia con fondos propios o 80% do custo total do proxecto, é dicir, achega 160.000 euros dos 200.000 euros totais.

A Deputación da Coruña ten a vontade de situar a Galicia como un territorio competitivo para a localización de rodaxes, producións e posprodución, impulsando o sector audiovisual galego. Neste XXII Congreso de Mundos Digitales, participará coa organización dunha masterclass e unha conferencia para a promoción do sector audiovisual galego, dentro da sección de Produción Virtual.

Manuel Meijide destacou, por outro lado, a presenza de importantes figuras do ámbito da animación e os efectos visuais no congreso. Tamén agradeceu a colaboración de todas as institucións que apoian este evento, que durante máis de dúas décadas levan impulsando este Congreso para converter A Coruña na referencia do sector a nivel internacional.

Máis información sobre o XXII Congreso internacional de animación, efectos visuais e novos media, en https://www.mundosdigitales.org/2024/es/main.html.